Skip to main content
Burela

Cogami imparte un curso de Alfabetización Dixital en Burela

Por 6 Maio, 2023Sin comentarios

As instalacións do centro ocupacional do Concello de Burela situadas na avenida Arcadio Pardiñas acollen un curso de Alfabetización Dixital que imparte a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade, Cogami.

Esta formación iniciárona un total de 8 persoas, 4 mulleres e 4 homes, todas elas co certificado de discapacidade ou incapacidade laboral para profesión habitual, procedentes dos concellos de Burela, Alfoz, Viveiro, Cangas de Foz, Xove e Foz.

Esta formación, financiada polo Ministerio de Educación e Formación Profesional a través da Organización COCEMFE, entidade da que forma parte Cogami, está enmarcada nas actuacións dirixidas á atención de adultos con NEE 2022-2023. Contará cun total de 85 horas lectivas que serán impartidas de luns a venres en horario de 9.00 a 14.00 horas, e nos que se abordarán módulos sobre internet, procesador de textos e folla de cálculo.

Estes cursos que desenvolve COGAMI teñen como obxectivo impulsar a inserción sociolaboral, co fin de que o alumnado acade os coñecementos e habilidades para poder inserirse canto antes no mercado laboral.

Arestora, a bolsa de emprego de Cogami ten inscritas un total de 279 persoas, 161 homes e 118 mulleres, distribuídas por concellos deste xeito: Burela e Foz 40 persoas inscritas en cada municipio; Alfoz 7; O Valadouro 9; Lourenzá 2; en Mondoñedo 5 persoas inscritas; en Viveiro 85; en Xove 16; en Cervo 9 persoas; en Ourol e O Vicedo 1; en Barreiros 13 persoas inscritas como demandantes de emprego; en Ribadeo 41; en A Pontenova 6 e 4 están apuntadas en Trabada.

En 2022 a través do servizo de Emprego de Cogami foron inseridas no mercado laboral un total de 44 persoas procedentes da Mariña e para este, segundo datos acadados neste primeiro trimestre do ano, mantéñense as mesmas previsións.