Skip to main content
Burela

As festas patronais de Burela comezan este xoves 25 de maio

Por 22 Maio, 2023Sin comentarios

As festas patronais de Burela celebraranse do 25 de maio ao 5 de xuño e xa se saben as orquestras e actividades que amenizarán estes días de celebracións. Os asistentes a estas xornadas festivas poderán gozar cos numerosos actos programados para a ocasión.

O xoves 25 será a inauguración ás 20.00 horas na casa da cultura da mostra Burela, a súa historia a través dos seus libriños das festas. Na xornada do venres 26 ás 21.00 horas oficiarase a misa en honra á Virxe do Carmen, seguida de procesión acompañada pola Banda de Gaitas Dambara. Nesta xornada tamén se estreará o alumeado festivo.

O sábado 27 ás 20.00 horas no auditorio municipal terá lugar a lectura pregón a cargo de Albano González Cancio, dando paso á actuación do dúo Manopuesta. O domingo 28, a partir das 10.00 horas terá lugar un rastrillo popular solidario, e ao longo da tarde, haberá unha festa infantil e xuvenil con inchables.

Ao día seguinte, o luns 29 ás 19.30 horas, o auditorio acollerá a proxección do documental de Paco Salgueiro Burela: Sinal de Identidade dun Pobo. E o mércores 31, os máis pequenos poderán desfrutar, a partir das 20.30 horas, dun gran Karaoke Infantil e Xuvenil na casa da cultura. O xoves 1 de xuño, ás 21.00 horas será a quenda do gran Karaoke Sénior.

Na véspera dos días grandes, o venres 2, terá lugar unha gran verbena a cargo das orquestras Alkar e América a partir das 23.00 horas, e pola mañá dos Acordeonistas da Mariña na zona do hórreo.

O sábado 3, dará inicio a confección da alfombra floral, seguida do pasacalles a cargo do grupo de gaitas Asubíos da Chaira e a Banda de Música EGS. Ás 14.00 horas, será a sesión vermú amenizada pola orquestra Saudade.

Pola tarde, ás 20.00 horas, concerto da Agrupación Musical Santo Inocencio e a Banda de Música EGS. Pola noite, ás 21.00 horas oficiarase a misa na igrexa parroquial, seguida da procesión da baixada ao porto e un espectáculo de fogos de artificio. Para rematar, ás 23.00 horas, será a verbena a cargo das orquestras A Favorita e Saudade.

Na xornada do domingo 4, os actos comezarán con pasacalles a cargo da Banda A Nosa Señora do Nordes e a Agrupación Musical Santo Inocencio. Ás 12.00 horas, oficiarase no porto a misa e a procesión marítima. E ás 14.00 horas, sesión vermú coa orquestra Pontevedra.

Pola tarde, a partir das 17.00 horas pasacalles e para rematar, ás 22.30 horas, verbena a cargo das orquestras Pontevedra e El Combo Dominicano.

O luns 5, ás 12.00 horas terá lugar a procesión de subida desde o porto ata a igrexa parroquial, dando paso á misa cantada. Ás 14.00 horas sesión vermú amenizada por orquestra Ritmo Joven, formación que ademais animará a verbena da noite xunto coa Panorama.

O barco Siempre San Prudencio, un palangreiro de superficie que traballa nos caladoiros de Gran Sol e ten 28 metros de eslora, será o encargado de levar a imaxe da Virxe do Carmen na procesión marítima do domingo.

Na última xornada festiva, o martes 6, os asistentes poderán acudir ás 12.00 horas á cerimonia da ofrenda floral que levará a cabo no porto de Burela.