Skip to main content
O Valadouro

O Concello do Valadouro reforzou o parque móbil cun vehículo de  emerxencias

Por 12 Maio, 2023Maio 13th, 2023Sin comentarios

O Concello do Valadouro reforzou o parque móbil cun vehículo de  emerxencias que facilitará a intervención municipal en situacións que  afecten á seguridade e ás cotidianeidade das veciñas e veciños.

O vehículo, adquirido coa colaboración de Medio Rural da Deputación de  Lugo, conta cun depósito duns 3.000 litros de auga que permitirá  subministrar auga en caso de carencias ou fallos do abastecemento e tamén  en caso de lumes, facilitando unha primeira intervención rápida dos  servizos municipais.

Tamén conta cun xerador eléctrico de 30 caveas que permitirá subministrar  electricidade en caso de avarías na rede eléctrica ou habilitar puntos de  electricidade en espazos que non dispoñen deles, colaborando na  organización de festas ou outro tipo de eventos ao aire libre.

Ademais, a operatividade do vehículo ampliarase coa instalación dunha  coitela que permita empregalo como quitaneves, axilizando a resposta  municipal en caso de problemas nas vías polas condicións meteorolòxicas.

O tenente alcalde do Valadouro Eduardo Chao explicou “que se trata dun  medio moi necesario para o Concello que non dispoñía de vehículos destas  características desde fai anos” e subliñou que “o novo vehículo permitirá  atender dunha forma áxil incidentes e circunstancias que se dan en varias  ocasións ao longo do ano e que ata o de agora tiñamos dificultades para  atender ao non dispoñer de medios propios”

Eduardo Chao destacou tamén “a importancia de contar con este novo  vehículo para o inicio do verán, cando pode resultar máis necesario para a  subministración de auga ou a intervención en lumes”.

A compra do vehículo, de segunda man, supuxo un investimento  de 14.000 euros.