Skip to main content
Viveiro

As oficinas de emprego de Viveiro e Ribadeo aproveitarán a intelixencia artificial para axustar os perfís ás demandas

Por 12 Maio, 2023Sin comentarios

As oficinas de emprego de Viveiro e Ribadeo sufrirán un proceso de modernización, con cargo á Xunta de Galicia, no que haberá unha implementación, xa neste mes de maio da nova ferramenta tecnolóxica EMI (Emprego Intelixente). Baseada na intelixencia artificial permitirá axustar en tempo real as demandas de man de obra do tecido produtivo aos perfís das persoas demandantes rexistradas polo servizo público.

Tratarase de aproveitar as posibilidades que brindan a intelixencia artificial e a analítica avanzada en prol da xeración de máis de mellor emprego en Galicia.

A oficina de emprego de Viveiro, situada na rúa Río  dos Foles,  atendeu no ano 2022 máis de 3.200 citas. A de Ribadeo, sita na rúa Rafael Fernández Cardoso, prestou servizo o ano pasado a máis de 4.700 usuarios.

O Goberno galego quere mellorar o encaixe entre as persoas demandantes de emprego e as necesidades do mercado laboral e realizará un seguimento intensivo das persoas usuarias das oficinas con maiores dificultades para atopar traballo, informou a representante autonómica.

Ambas as dúas oficinas contan desde marzo con cadansúas persoas que asumen as tarefas de orientación e prospección laboral. Trátase de dous dos 136 postos creados pola Consellería de Promoción do Emprego este ano para brindar unha atención máis personalizada ás persoas con maiores dificultades para empregarse.

Entre outras funcións, os novos orientadores asumirán na Mariña o desenvolvemento do novo programa de seguimento intensivo da demanda de emprego, para axudar e apoiar de xeito máis personalizado a usuarios inscritos no Servizo de Emprego de Galicia que presentan dificultades para atopar un traballo.

O programa porá o acento nas persoas que presenten as seguintes casuísticas: que teñan rexeitado unha oferta de emprego ou abandonen sen xustificación un servizo de orientación ou/e de formación; que leven máis de 5 anos de inscrición ininterrompida no Servizo de Emprego de Galicia sen acceder a un posto e que non teñan itinerario ou plan personalizado activo nos últimos 12 meses; as que non teñan confirmado a súa dispoñibilidade para tres ofertas nun período dun ano; ou as que non se presenten a citas de orientación laboral nos centros colaboradores do servizo, sen posibilidade de contacto telefónico e carentes dun itinerario ou plan personalizado de emprego activo.

A estas persoas, informou a conselleira, outorgaráselles información e se lles explicará de xeito individual os recursos que lles ofrece o Servizo Público de Emprego de Galicia, coa finalidade última da mellorar as súas oportunidades.