Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

A Xunta presenta aos GDRs as posibilidades do Bono Activa Rural

Por 22 Maio, 2023Sin comentarios

Os 24 grupos de desenvolvemento rural que xa foron preseleccionados continúan coa preparación das súas estratexias e para iso contan con 35.000 euros cada un, o triplo que no ano 2016.

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, presidiu a 8ª reunión da Mesa de Coordinación dos Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) de Galicia, que tivo lugar na localidade luguesa do Saviñao. Alí destacou que estes grupos poderán incluír nas súas Estratexias de Desenvolvemento Local para o período 2023-2027 unha nova forma de fomentar o emprego no rural que ata o de agora non se contemplaba nos programas Leader anteriores, consistente nun “bono rural”. Deste xeito, os grupos poderán recoller nas súas respectivas estratexias a posibilidade de conceder unha axuda de ata 18.000 euros en dúas anualidades, coa obriga de manter a actividade durante polo menos cinco anos, a contar dende a data da alta censual.

O Bono Activa Rural non estará vinculado á xustificación de ningún gasto ou investimento, senón que se vincula ao mantemento da actividade e ao cumprimento do plan empresarial presentado pola persoa seleccionada durante un determinado período de tempo. Este plan empresarial deberá demostrar a viabilidade económica e técnica da empresa, apoiándose para iso nas condicións de mercado. Os proxectos que se beneficien desta modalidade de axuda concorrerán cos demais proxectos de natureza produtiva que se presenten ao abeiro das diferentes convocatorias.

As persoas beneficiarias desta tipoloxía de proxectos son as persoas físicas, que se dean de alta no réxime de traballadores autónomos e xeren unha actividade empresarial a título individual na que polo menos creen o seu posto de traballo, sempre e cando non estivesen dadas de alta no réxime de autónomos na mesma actividade para a que se solicita a axuda nos últimos tres anos e que opten por esta modalidade na correspondente solicitude.