Skip to main content
Lugo

Impulsa unha campaña de dinamización da Milagrosa con actividades a partir do día 12

Por 5 Maio, 2023Maio 6th, 2023Sin comentarios

Entre as propostas, consensuadas coas asociacións, figuran actividades deportivas, musicais e de baile, maxia, contacontos, obradoiros, pasarrúas e mesmo un desfile de moda.

Dinamizar a actividade comercial e hostaleira e fornecer o bo facer destes sectores e a imaxe da Milagrosa, no seu conxunto.

Con estes obxectivos a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, presentaba ao tecido produtivo do barrio unha nova iniciativa municipal coa que a área de Desenvolvemento Local quere contribuír a dignificar a calidade tanto da atención que se dispensa como do produto que se oferta nesta parte da cidade, fronte a outras mensaxes que tratan de asimiliar esta contorna a unha situación permanente de marxinalidade e conflitividade social.

“A Milagrosa é un barrio moi populoso no que se concentra moita actividade empresarial, con gran presenza do comercio de proximidade. É un barrio emblemático, inquedo, cun enorme potencial económico e urbanístico, cunha veciñanza exemplo de convivencia e confraternidade. Valores que nunca se perderon. Por iso, neste momento, no que dende o Concello estamos a impulsar a rexeneración arquitectónica do parque inmobiliario e dos espazos públicos, cremos que tamén resulta importante acompañar estas accións con outras a pé de rúa que reivindiquen a confianza nos establecementos da zona”, sinalou a rexedora.

Méndez, que estivo acompañada pola tenenta de alcaldesa de Cohesión Social, Ana González Abelleira e polo edil de Xuventude e Deportes, Mauricio Repetto, compartiu un almorzo de negocios co empresariado deste punto da capital ao que debullou algunhas das propostas que se encadran dentro da nova campaña de dinamización, “que foi elaborada man a man coas asociacións para concretar con elas as actuacións, horarios e lugares das mesmas, tendo en conta as súas necesidades e suxestións”, puntualizou.

“Seguindo o ronsel da estratexia Localmente Lucense, trataremos de amenizar – dende a tarde dos venres – as fins de semana do mes de maio cunha ampla programación para todos os públicos que inclúe actividades deportivas, espectáculos musicais e exhibicións de baile, obradoiros infantís, contacontos, pasarrúas, sesión de Dj’s, maxia e mesmo un desfile de moda. A nosa vontade é revitalizar as rúas do barrio e que esta axenda lúdica e cultural resulte un reclamo e un atractivo máis para visitar a Milagrosa, para mercar nela e tamén para gozar da hostalaría e dos espazos peonís que existen nos arredores”, engadiu a alcaldesa.

“Estamos seguros de que quen veña poderá comprobar por si mesma que a esencia da Milagrosa non se perdeu e que este enclave mantén intactas todas as súas bondades, dende unha comunidade unida até a variedade gastronómica das cafeterías e restaurantes, a excelencia dos produtos autóctonos que se poden adquirir nas tendas de alimentación ou a variedade e orixinalidade das mercadorías que se comercializan no resto de negocios”, sostivo Méndez.

A iniciativa contará ademais cunha mascota propia: a Milagrosiña, que será un dos eixes deste Plan de dinamización. Unha simpática fada cuxo achádego nos establecementos participantes será chave para gañar vales de compra.

A rexedora avanzou que nos próximos días se darán a coñecer pormenorizamente os eventos que se desenvolverán a partir do día 12, data que se escolleu como inicio da programación para non interferir coa celebración, esta fin de semana, da Feira de San Isidro.