Skip to main content
Lugo

Abre a licitación da renovación de Isaac Díaz Pardo, en Recatelo

Por 6 Maio, 2023Maio 7th, 2023Sin comentarios

O proxecto sae a licitación cun orzamento de 128.183,38 euros e o obxectivo é crear unha nova zona de paseo entre o centro e o Parque de Rosalía.

O Concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas informou de que o Goberno de Lugo vén de aprobar a licitación da peonalización do treito final da rúa Isaac Díaz Pardo, no barrio de Recatelo. Alexandre Penas explicou que “neste 2023 continuamos coa renovación integral de Recatelo, creando unha zona peonil que comunica o centro da cidade co Parque de Rosalía, e mellorando as instalacións públicas e a calidade de vida das veciñas e veciños”.

O proxecto que se licitará é o segundo treito da obra, ubicada entre as rúas Avelino Pousa Antelo e Cidade de Viveiro, “un treito que por cuestións orzamentarias non puido incluírse na primeira fase das obras”, explicou Penas.

Os traballos, que se abrirán a licitación, consistirán na renovación do saneamento e da recollida de augas pluviais, ademais das instalacións de alumeado e telecomunicacións. A pavimentación dará continuidade aos treitos xa peonalizados na primeira fase, e instalarase tamén novo alumeado público.

O proxecto sairá a licitación cun orzamento de 128.183,38€, e as obras terán un prazo de realización de 3 meses. A Tenencia de Alcaldía prevé que as obras comecen de cara ao verán e que estén rematadas antes das festas de San Froilán.

Penas lembrou tamén que a Tenencia de Alcaldía continuará neste 2023 realizando actuacións no barrio, como a renovación do Carril dos Loureiros, tal e como se acordou coa veciñanza do barrio, no que se habilitará unha plataforma única “que nun futuro poderá ser peonil”.