Skip to main content
Lugo

O Museo provincial celebra o Día das Letras cun concerto de Davide Salvado

Por 16 Maio, 2023Sin comentarios

Organiza tamén outras actividades con motivo do Día dos Museos, que se prolongarán ata o domingo 21 de maio.

No Día das Letras Galegas o xardín (entrada pola Rúa Nova) do Museo Provincial de Lugo acolle un concerto de Davide Salvado. Esta actuación forma parte do programa da vicepresidencia da Deputación de Lugo Xunt@s polo serán, unha iniciativa de natureza cultural e festiva que se expande por toda a provincia.

Entrada libre e gratuíta até completar aforo, con data de inicio ás 20:30.

Esta é unha das actividades que desenvolverá a Rede Museística con motivo das Letras Galegas que se completará coa presentación esta tarde do libro Museo Provincial de Lugo: Orixe e consolidación (1932-1982), de Aurelia Balseiro García na Feira do Libro de Lugo. No acto intervirá, ademais da autora, o responsable de Publicacións da Deputación de Lugo, Brais García.

Ademais, a biblioteca do Museo súmase a este recoñecemento poñendo ao dispor de quen quería consultalas as obras das que dispón da autoría de Fernández del Riego. Fan fincapé en dúas primeiras edicións, Danzas populares gallegas e Historia de la literatura gallega, no discurso lido á súa entrada na Real Academia e en dúas publicacións, epistolarios que mantivo con dous persoeiros das letras galegas como Álvaro Cunqueiro e Ricardo Carballo Calero.

DÍA DOS MUSEOS

O día 18 de maio celébrase o Día Internacional dos Museos polo que está prevista, ás 19:00 horas unha visita técnica guiada e gratuíta á exposición María Corredoira, a cargo da técnica do departamento de Belas Artes do MPLugo, María Quiroga. Esta data coincide co130 aniversario do nacemento da pintora. Está dirixida esta actividade ao público en xeral.

Esta exposición amosa a obra de María Corredoira e forma parte, como primeira andadura, do proxecto (Re)coñecer? (Re)presentar? (Re)distribuír? Rede Museística Provincial, que porá a obra de mulleres artistas no centro de interese e que terá continuidade ao longo deste ano 2023.  A inauguración terá lugar o mércores, 15 de marzo, ás 18:00 horas no Museo Provincial de Lugo. Entrada libre até completar aforo.

Continuará a programación o día 20 de maio, ás 17:00h. co Arde Lucus Cultural. Trátase dunha Visita aos restos arqueolóxicos depositados no Museo Provincial de Lugo.

No marco da Ulysses European Odyssey que se desenvolve na cidade de Lugo os días, 19, 20 e 21 de maio, para o día 21, de maio, ás 13:00 horas está prevista a inauguración da intervención artística de Jesús Otero Os Lestrigóns na cociña do Museo.

Lestrygonians é unha serie de debuxos, un cento, que fan referencia ao capítulo homónimo, o número 8, do Ulises de James Joyce. Os lestrigóns foron os xigantes que atacaron e devoraron a parte da tripulación de Ulises na súa viaxe de retorno a Ítaca.