Skip to main content
FriolFriol TERRACHÁXALugo

O Museo de Lugo expón por primeira vez a cabeza de Narla, dunha doazón particular

Por 27 Maio, 2023Sin comentarios

O Museo Provincial de Lugo ven de recibir a través dunha doazón particular “a cabeza de Narla”, unha peza arqueolóxica representativa da cultura castrexa que, a través deste ingreso, se amosa por primeira vez ao público.

A figura exponse desde este venres na sala 9 da sección de Arqueoloxía do Museo de Provincial de Lugo, que nas vindeiras datas programará diferentes actividades para dar a coñecer a historia e o valor da peza para a sociedade lucense.

A doazón abre así mesmo unha nova etapa no estudo e na investigación da peza e da plástica castrexa, a fin de determinar máis polo miúdo as características, paralelismos, cronoloxía ou historia deste ben cultural.

Descrición

Figura dunha cara, adosada a un cilindro de granito, de testa lixeiramente abombada, nariz triangular algo mutilada, dous ocos forman os ollos, debaixo do nariz incisión que correspondería a boca, queixo pronunciado. Polos laterais e por abaixo corre unha liña continua indicando o remate das queixadas.

Ten unha altura de 20 cm e anchura de 12 cm. Procede do Castro de Narla, Friol e está adscrita á cronoloxía castrexa.

Bibliografía

A primeira referencia que se ten sobre esta peza é do ano 1956 cando Blanco Freijeiro publica en Cuadernos de Estudios Galegos nº 11 o artigo: Cabeza de un castro de Narla. Notas sobre el tema de la cabeza humana en el arte céltico, no citado artigo di que foi un alumno seu da Facultade de Filosofía e Letras de Madrid, D. Amable Veiga Arias, que acabaría sendo catedrático do IES Lucus Augusti, quen lla deu a coñecer. Na publicación describe a cabeza, “hallada casualmente, en fecha y circunstancias ignoradas, en un castro del Narla (Friol)” e ilústrase o artigo con 3 fotos da peza.

Posteriormente, no ano 1965 J. Taboada Chivite, amosa unha foto dela en “Escultura Celto-Romana” no nº 3 de Cuadernos de Arte Gallego. Pasarán moitos anos ata que en 1994 F. Calo Lourido volva a falar dela en “A Plastica da cultura castrexa Galego-Portuguesa”, neste caso Calo Lourido básase nas publicacións anteriores pois a cabeza atopábase en paradoiro descoñecido. No mesmo ano, 1994, Calo Lourido publica na revista CROA nº 4 “Manifestacións da plástica castrexa na provincia de Lugo” onde volve a mencionar a Cabeza de Narla.