Skip to main content
Monforte

Os centros educativos IES Daviña Rey, A Pinguela e o Río Cabe acolleron a visita do delegado territorial de Lugo

Por 10 Maio, 2023Sin comentarios

O alumnado e os equipos docentes dos IES Daviña Rey, A Pinguela e Río Cabe que foron distinguidos con varios premios en concursos nacionais e competicións autonómicas do Bacharelato de Excelencia; así como en campionatos de desenvolvemento de competencias empresariais e tamén de robótica, acolleron a visita do delegado territorial, Javier Arias.

A primeira parada da súa ruta monfortina foi no IES A Pinguela, onde Javier Arias mantivo unha reunión cos alumnos e profesores distinguidos co primeiro e terceiro premio na V Competición de Robots que organiza a Escola de Enxeñería Industrial da Universidade de Vigo, destacando “a importancia destes premios nunha disciplina científica chamada a ser unha das tecnoloxías, non xa do futuro, senón do noso tempo a xulgar por como está a gañar terreo en cada vez máis aplicacións da nosa vida cotiá”. Neste centro tamén coñeceu a Diego Guntín, estudante que obtivo o primeiro premio no concurso de fabricación e programación de robots.

Con respecto ao IES Daviña Rey, dous traballos foron distinguidos recentemente con sobresaíntes no STEMbach, o Bacharelato de Excelencia en Ciencias e Tecnoloxía que se imparte neste centro monfortino desde 2018, en colaboración coas tres universidades galegas. O delegado territorial tivo a oportunidade de conversar cos alumnos Sara Santos Sarmiento e Luis Alfonso Rodríguez, premiados nesta nova edición polos seus traballos sobre a resistencia aos antibióticos e sobre as carencias en ciberseguridade, respectivamente. Arias eloxiou o traballo e o nivel destes estudos realizados en colaboración coa Facultade de Ciencias de Ourense e a Escola de Enxeñaría de Telecomunicacións de Vigo.

A visita ao IES Río Cabe pechou a ruta polos centros educativos de Monforte de Lemos. Alí, o delegado territorial mantivo un encontro cos alumnos e o equipo docente que lograron o terceiro premio no programa educativo nacional de simulación empresarial, Young Business Talents. Javier Arias interesouse por este proxecto “co que demostraron a súa visión e habilidade empresarial, logrando o terceiro posto nun concurso nacional no que competiron con máis de 10.600 alumnos, o que aínda dá maior mérito a súa destacada posición”.

Arias gabou “o compromiso e o traballo destes alumnos e alumnas” e puxo en valor a implicación dos centros educativos “que fomentan o talento dos mozos e mozas” e que “completan a formación do alumnado en aspectos máis amplos, como axudarlles a desenvolver unha mentalidade rigorosa e crítica; a potenciar a súa creatividade e a mellorar as súas capacidades de comunicación”.