Skip to main content
Monforte

A Coral Polifónica e o Grupo de Gaitas da Escola de Música de Monforte actuaron no Día das Letras Galegas

Por 19 Maio, 2023Sin comentarios

O Festival de Música de Monforte conmemorou o Día das Letras Galegas coa actuación da Coral Polifónica do Concello de Monforte e do Grupo de Gaitas da Escola de Música do Concello de Monforte.

Así, a Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro acolleu o festival musical, dirixido a todos os públicos e de carácter gratuíto, onde a tenente de alcalde, Gloria Prada, o concelleiro de Obras, Medio Rural e Servizos, José Luis Losada Fernández; a concelleira de Cultura, Ensino e Xuventude, Marina Doutón; o concelleiro de Deportes, José Manuel Mougán; a concelleira de Consumo, Regina López e o concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Tomé, asistiron ao acto de homenaxe do que tamén desfrutaron outros membros da corporación, como Katy Varela e Emilio Sánchez.

O Festival comezou á hora prevista e tivo unha duración aproximada dunha hora previa presentación do acto da man da Concelleira de Cultura, Marina Doutón, que tras lembrar os principais datos biográficos do homenaxeado, incluído que estudou o bacharelato no Colexio dos Escolapios, rescatou unhas verbas do escritor que nos axudan a descubrir o seu interés por interiorizar a esencia da nosa terra: “Percorrín moitos camiños, de ondeante liña, que atravesan a xeografía galega. Fíxeno, non como simple turista, si co espírito do Peregrino, para tentar redescubrir a paisaxe, a arte, a tradición”.

Unha vez finalizada a súa intervención, os presentes puideron desfrutar da actuación do Grupo de Gaitas da Escola de Música e da Coral Polifónica do Concello de Monforte que da man do seu director D. Fernando Sanmartino, director do conservatorio e da banda municipais, ofreceron un concerto de gran calidade interpretativa que o público premiou con unha ovación ao finalizar o festival.