Skip to main content
Quiroga

A IX edición do curso de tecido tradicional de Quiroga terá lugar o vindeiro 15 de maio

O Concello de Quiroga organiza o noveno curso de tecido tradicional o vindeiro 15 de maio, no que se ensinará a elaboración de pezas no tear que se atopa no Museo Etnográfico.

A recollida e restauración das pezas empregadas no sector téxtil, levada a cabo dende o ano 2007, ofrece dende entón a posibilidade de aprender os segredos dunha técnica milenaria de forte raizame na zona e que co paso do tempo foi quedando no esquecemento.

O curso ten vinte horas de duración, rematando o 19 de xuño, e as clases desenvolveranse todos os luns e os mércores dende as catro e media da tarde ata as seis e media. No curso realizaranse prácticas para familiarizarse coas técnicas milenarias de urdir o fío para configurar a base sobre a que se tece, preparar o fío para tecer (cardar, fiar ao fuso e á roca e torcer) e preparar os flocos para decorar as distintas pezas.

Cursos anteriores

En cursos anteriores de tecido tradicional elaboráronse diferentes pezas, dende a tradicional colcha a alfombras ou bolsos. Sen esquecer a recuperación dunha peza practicamente perdida e que se conserva agora no Museo Etnográfico, un mantelo, unha capa tradicional de pastoreo da serra que servía para protexerse do frío e da choiva por confeccionarse cun tecido especialmente mesto.

As persoas interesadas en recibir máis información ou en participar neste curso deben dirixirse á Casa da Cultura persoalmente ou a través do teléfono 982 43 51 25, antes do 15 de maio.