Skip to main content
O Saviñao

Xosé Ramón Fandiño deu unha conferencia no Círculo Saviñao acompañado da vicepresidenta do Padrado do Museo do Pobo Galego

O Círculo Saviñao acolleu unha conferencia de Xosé Ramón Fandiño que titulou ‘Seminario de Estudios Galegos e Museo do Pobo Galego. Xan de Forcados e Pura Lorenzana’, que forma parte dun dos actos de conmemoración do centenario do Seminario de Estudios Galegos.

Este evento, que contou coa colaboración do Concello do Saviñao, tivo a presenza de María Xosé Fernández Cerviño, vicepresidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego, institución herdeira do Seminario.

Así, durante esta charla, falaron de Don Juan López Suarez “Forcados” e dona Pura Lorenzana Prado, naturais e veciños do Concello do Saviñao e ligados dalgún xeito á institución.

De Don Juan, resaltou Fandiño, entre outras moitas facetas de médico e mecenas, a súa vinculación coa Xunta de Ampliación de Estudos, “que tantas becas concedeu para a mellor formación de xente valiosa, tamén de Escairón”, explicou.

Pola súa parte, de Dona Pura dixo que chegou a ingresar como socia activa no Seminario en 1930, lendo o seu traballo de ingreso ‘Mámoas do Saviñao. A anta de Abuime e a necrópole do monte da Morá, que realizara con Florentino López Cuevillas e Antonio Fraguas, “sendo acollidos precisamente no seu pazo mentres durou o traballo por Don Juan de Forcados”, argumentou Fandiño.