Skip to main content
O Saviñao

Case 100 hectáreas conformarán o polígono agroforestal da parroquia da Broza, no Saviñao

Por 20 Maio, 2023Sin comentarios

A parroquia da Broza, do Saviñao, contará cun polígono agroforestal, o de Xesto, que contará cunha superficie de preto de 96 hectáreas distribuídas en 143 parcelas propiedade de 33 titulares.

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado da directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, e do alcalde do concello do Saviñao, Juan Carlos Armesto, visitou o lugar onde se está pensando en instaurar o polígono.

Durante a visita, o conselleiro lembrou que os polígonos agroforestais son unha ferramenta idónea para recuperar terra de boa capacidade produtiva abandonada ou infrautilizada de forma sustentable, creando actividade agrogandeira, fixando poboación e anticipándonos aos incendios forestais.

Con esta ferramenta, explican que se busca recuperar de xeito sustentable a terra abandonada arredor dos núcleos de poboación creando actividade agrogandeira e, ao tempo, ao igual que cos polígonos agroforestais, previr incendios.

Outros polígonos agroforestais

Así, dentro da comarca de Terra de Lemos hai implantadas varias figuras da Lei de recuperación, como o polígono agroforestal de Ver, no concello de Bóveda, con 51,95 hectáreas distribuídas en 292 parcelas de 200 titulares.

Tamén está a aldea modelo de Parada dos Montes, na Pobra do Brollón, de 15,55 ha, 278 parcelas e 73 propietarios, que conta con produción de vacún en extensivo.

Mentres, a de Francos de Proendos, en Sober, saíu a concorrencia e nela defínense como actividades principais a explotación gandeira en extensivo, a horta e cultivos de ciclo curto e como actividade secundaria, a plantación de árbores para a obtención de froito nunha das zonas definidas. Ten unha superficie de 12,87 hectáreas arredor do núcleo que se busca dinamizar, repartidas en 119 parcelas de 70 titulares.

Nesta liña, cabe apuntar que mediante a Lei de recuperación téñense mobilizado arredor de 10.000 hectáreas de superficie de calidade en toda a comunidade para poñer de relevo a importancia do rural galego, con figuras como os polígonos agroforestais, as aldeas modelo e as permutas de especial interese agrario.