Skip to main content
Samos

Xosé Real, candidato do Partido Galego de Samos, defende a súa lista de candidatura “continuísta”

O Partido Galego de Samos volve presentarse como o partido da oposición ao goberno local despois de levar oito anos liderando a oposición.

O alcaldable desta agrupación política, Xosé Real, explica que o 99% da lista de compañeiros que van na candidatura viven en Samos, polo que “coñecemos de preto os problemas que afectan ao noso Concello, os cales imos arranxar de vez no caso de que depositen a confianza en nós o vindeiro 28 de maio”.

Así, Real defende que a lista “representa a mellor das opcións, xa que é unha lista continuísta na que figuramos xente que levamos xuntos oito anos lonxe das comedias e cambio de ideas ao chou que propoñen outros”.

“Temos un goberno municipal ancorado no inmobilismo dende fai 16 anos e nós presentamos o mellor programa electoral, realizable en pouco tempo, que para nós é un contrato coa veciñanza, o cal non dubidamos en podelo levar a cabo”, explica o candidato.

Así, entre as propostas destacan un “verdadeiro Plan de Mobilidade para poder desfrutar da protección da natureza e dos nosos símbolos históricos e patrimoniais, así como un lugar onde poder traballar e vivir e desenvolver a economía circular, tendo en conta todos os potenciais naturais e empresariais que existen no nosa contorna”.