Skip to main content
Samos

O BNG de Samos denuncia o estado de abandono da ruta Fiz Vergara Vilariño

Por 25 Maio, 2023Maio 26th, 2023Sin comentarios

O BNG de Samos denuncia o estado “de abandono” no que se atopa a ruta Fiz Vergara Vilariño, unha ruta na memoria do veciño de Samos, “que mantén viva a súa persoa e a súa obra, e que atrae ano tras ano a numerosos visitantes”, sosteñen os nacionalistas.

Así, sosteñen que “é imperdoable que o Concello de Samos non manteña en condicións un dos atractivos turísticos e culturais máis destacados do noso concello”.

Entre as imperfeccións desta ruta, que din atoparse nunha contorna privilexiada no Val de Lóuzara, sinalan estragos que o paso do tempo provoca na ruta e que “o actual goberno municipal non se preocupou de reparar”.

Destacan o camiño que vai de Santalla á fervenza de Augadalte, que se esborrallou, “facéndoo intransitable”. “Hai máis dun mes que operarios do Concello de Samos comezaron a arranxalo, pero deixaron o traballo sen rematar e desapareceron”, argumentan.

Por outra parte, explican que “pouco despois disto, caeu unha árbore sobre a peza instalada por Violeta Bernardo en Santalla de Arriba, provocando desperfectos e impedindo a visión da mesma e dando unha imaxe de total abandono da ruta”.

Desde o BNG fan un chamamente ao goberno local de Samos para acondicionar a ruta antes do sábado, xa que ese día terá lugar un acto de homenaxe a Fiz Vergara Vilariño, coa intención de que chegue, algún día, a ser a persoa homenaxeada nas Letras Galegas, “algo que lle daría a Samos unha notable proxección”, sentenzan.