Skip to main content
As Pontes

Arranca nas Pontes un proxecto cultural dirixido a unir todos os sectores da poboación

Por 10 Maio, 2023Maio 11th, 2023Sin comentarios

Dende o 13 de maio ata o 29 de xullo haberá música, teatro e circo no concello, parroquias e centros educativos, de persoas maiores e de persoas con diversidade funcional e asistenciais.

De ponte a ponte é un proxecto novidoso que pretende, a través dunha programación cultural rica e variada, servir de punto de encontro para a poboación local levando a música e o teatro a espazos nos que xeralmente non se realizan espectáculos deste tipo. De ponte a ponte, organizado polo Concello das Pontes, desenvolverase entre o 13 de maio e o 29 de xullo en distintos emprazamentos do lugar.

Artistas como Uxía, Sheila Patricia, Monoulious DOP, Catuxa Salom, O Mago Teto ou Avelino González forman parte dunha programación ampla, variada e para todos os públicos. Haberá espazo para coñecer importantes artistas de outras culturas como Celina da Piedade, Jorge da Rocha, La Banda ou Cía Vaya. Este programa, ademais de poñer no centro a programación artística de calidade, fará tamén unha aposta porque as actividades teñan un destacado contido en valores como o feminismo, a ecoloxía, a xustiza social, a promoción da lingua galega e a cooperación internacional.

Por outra banda, este proxecto pretende descentralizar a programación cultural do centro da vila e levala tamén a parroquias do concello, para que persoas de todas as idades poidan gozar dos espectáculos independentemente da súa capacidade de desprazamento. Así, entre o 13 de maio e o 25 de xuño haberá diversas actuacións nas parroquias da contorna: O Freixo, Saa, Aparral, Deveso, Bermui, Pontoibo, Espiñaredo, San Pedro de Eume, Ribadeume, Goente. “É urxente recuperar os vencellos persoais e grupais, o apoio entre persoas, a confianza,  a confidencia e o desfrute entre as diferentes parroquias de aí que as actividades se  programen en lugares que unen espazos”, explican dende a organización.

O proxecto nace porque cre na cultura como unha ferramenta de transformación social, avalado por ser o proxecto máis valorado na convocatoria de 2023 Territorio Cutura da Unión Europea a través da Xunta de Galicia. O Concello das Pontes coa coordinación de Culturactiva e os axentes locais son que poñen en marcha esta idea financiada por fondos Next Generation da UE. A programación conta cun alto contido social, en especial a prol da igualdade de xénero, a centros educativos, de maiores e de persoas con diversidade funcional.