Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAMar AMARIÑAXA

Entregadas as bandeiras azuis obtidas polas praias e outros recursos

Por 30 Xuño, 2023Sin comentarios

Estes días fixéronse entrega das Bandeiras Azuis que acreditan a calidade das praias, sendeiros e outros recursos medioambientais e turísticos dos diferentes concellos da Mariña.

A alcaldesa de Burela, Carmela López, fixo un balance moi positivo das bandeiras azuis que neste 2023 lucirán as praias de A Marosa, O Portelo e Ril, así como o barco museo Reina del Carmen e o Centro de Educación Ambiental Gaia. O rexedor subliña que “estes recoñecementos son froito do traballo ben feito”.

A alcaldesa de Cervo, Dolores García, valorou de xeito moi positivo os recoñecementos cos que a Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (Adeac) vén de premiar a xestión medioambiental do municipio. Deste xeito, un ano máis a Praia do Torno recibe o distintivo de Bandeira Azul, pola calidade das súas augas e dos servizos que ofrece.

O alcalde de Ribadeo, Dani Vega, valorou positivamente as bandeiras azuis que veñen de conseguir as praias de As Catedrais e Os Castros-As Illas. Dixo: “desde o Concello valoramos positivamente recibir estas bandeiras azuis un ano máis. Iso quere dicir que estamos a facer as cousas ben. Neste 2023 contaremos con dúas distincións nos nosos areais, que se unen ao sendeiro azul, que conseguiu un ano máis, a Ruta do Faro de Illa Pancha ata As Aceas, tal e como nos comunicaron hai xa semanas”.

O concelleiro de Turismo de Foz, Chema Linares, explica: “cumprimos amplamente cos criterios de ADEC en canto á prestación de servizos de calidade nas praias cunha calidade excelente das augas, en accesibilidade, en xestión de residuos e en información sobre os areais e os seus ecosistemas”.

Chema Linares engade: “esperamos contar cos socorristas suficientes para ter o servizo activo todo o verán e poder izar as bandeiras. A este respecto esperamos que a Xunta de Galicia poida subvencionar os socorristas suficientes para prestar o servizo adecuadamente xa que nos últimos anos reduciuse considerablemente pois antes subvencionaban 20 socorristas pero nos últimos anos apenas chegan a seis, claramente insuficientes para un bo servizo”.

Un ano máis, o Concello de Viveiro recibiu a notificación que certifica que a Praia de Area terá de novo a Bandeira Azul.  Este distintivo avala a calidade das súas augas e os servizos prestados, acreditando que a Praia de Area cumpre e mantén uns estritos criterios ambientais, educativos, de seguridade e de accesibilidade.