Skip to main content
Alfoz

O 10 e o 11 de xuño volven os paseos guiados pola Mariña

Por 4 Xuño, 2023Sin comentarios

O 10 e o 11 de xuño Ana Pena, Boris Vilar e Guido Guía organizan dous paseos guiados, en Foz e Xove, que serán un convite perfecto para desfrutar da penúltima fin de semana da primavera por terras mariñás.

Despois das súas primeiras colaboracións xuntos de Redescubrindo Viveiro e Redescubrindo Alfoz en abril e maio, estes tres guías volven unirse para seguir dando a coñecer xuntos as belezas e riquezas da zona.

O sábado 10 de xuño será o turno de Redescubrindo Foz, no que Ana Pena e Guido Álvarez buscarán dar a coñecer os lugares máis emblemáticos da vila sen deixar de lado a intención de sorprender ás propias veciñas e veciños que se animen a vivir a experiencia. Terá lugar de 11.00 a 14.00 horas e o punto de encontro e final do paseo será a praza Conde de Fontao.

O domingo 11 será o turno de Redescubrindo Xove, no que Boris Vilar e Guido buscarán dar a coñecer os segredos e tesouros do concello partindo e rematando o percorrido no Porto de Portocelo co mesmo horario de actividade 11.00 a 14.00 horas que no caso de Foz. Ambos días os guías propoñen un xantar informal, picnic, despois dos paseos, no que cada participante debe levar a súa propia comida.

Ambas actividades teñen un custo de 10 € por persoa, con posibilidade de bonos (compartibles) de 10 paseos por 60 € ou de 5 paseos por 40 €. Hai tamén descontos -tanto nos bonos como en cada actividade- do 30% para menores de 18 anos, e gratuidade para menores de 4. Para inscribirse é preciso escribir un correo a guidoguiaturismo@gmail.com ou ben contactar con calquera dos tres guías a través das súas redes sociais.