Skip to main content
Deportes LUGOXALugo

O Lugo presenta a Munitis como o seu novo adestrador

Por 26 Xuño, 2023Sin comentarios

Pedro Munitis xa pisa o Anxo Carro, presentado como novo adestrador do CD Lugo. Acompañado polo presidente da entidade deportiva, Tino Saqués, e polo responsable de dirección deportiva, David Peláez, o preparador cántabro avanzou as liñas mestras dun proxecto que xa arrinca, coa máxima ambición e ilusión posibles.

Tino Saqués avanzou que que a chegada de Pedro Munitis vai ligada ao proxecto de retornar ao fútbol profesional. “Sabemos que foi un xogador diferente, e ese comportamento metódico e de traballo trasládao aos seus equipos. Conseguiu bos resultados en moitas etapas, e todo se debe á súa metodoloxía, experiencia e capacidade”, dixo.

Saqués avanzou que o obxectivo é “conformar unha familia, e que o equipo se comporte como tal” e tamén asegurou que non foi a primeira vez que falaron. “Noutras situacións, quizá, non era o momento. É unha persoa que vai con todo, e que se involucra ao máximo. Vimos ilusión no seu rostro, estaba convencido do que podemos facer”.

Indicou tamén que outros equipos de enorme traxectoria, con pasado en Primeira División, estaban moi interesados nel. “A confianza no proxecto foi clave para a chegada”

“É posible que Loureiro saia. Hai que recoñecer a súa implicación e traballo feito durante a tempada. Merece estar en Segunda División. Non é un tema económico, é máis ben persoal. Entendemos a súa situación”, indicou tamén Saqués, que dixo sobre Marc que “non ten en mente xogar en 1ºRFEF, e o caso de Cuéllar temos que analizalo en diferentes liñas”.

David Peláez afirmou sobre Munitis que “é o adestrador ideal para o proxecto. O que trasladan os seus equipos é xusto o que necesitamos. Con Munitis teremos un adestrador co que a xente se identificará de pleno. O seu traballo é o seu maior aval”.

PEDRO MUNITIS

Durante a presentación Pedro Munitis explicou a súa chegada ao club. “Estamos moi ilusionados, cremos que era o momento de chegar. Vímonos varias veces, e nesta ocasión sentimos que todo encaixaba. Este encontro foi diferente, coincidiamos na maneira de entender o equipo e a súa liña”.

“Creo que encaixamos coa xente de aquí, viñemos moito a este estadio. Creo que podemos coincidir no que queremos. Hai que ter humildade no traballo para conseguir cousas importantes. Vimos a conexión no fundamental”.

Sobre o proxecto que ten entre mans afirmou que “sabemos que é unha situación difícil, o feito de chegar tras un descenso. Sabemos a dificultade que ten, pero temos experiencia neste sentido, e estamos seguros do que podemos facer. Creo no traballo en equipo. Estamos a traballar co club, conxuntamente, na confección de persoal. Hai que valorar os tempos do mercado, sabemos que hai situacións que necesitan de paciencia”.

“Estamos a ver a dificultade de conseguir o ascenso de categoría. O obxectivo de fondo está aí, pero hai que centrarse no camiño. Necesitamos obxectivos de rendemento, traballo en valores. Hai que crear unha familia que se axude na dificultade”

Avanzou que están abertos a traballar coa canteira e que esperan xente nova na pretemporada, “e seguro que varios quedarán no equipo. Buscaremos ter dous xogadores por posto, pero temos que valorar o mercado. A polivalencia será importante”.

“Queremos xogadores que queiran vir, é a premisa. Xogadores con carácter e personalidade, que sexan gañadores. Esperamos unha transición curta, pero entendemos o sufrimento do afeccionado. Hai que buscar xente moi motivada, o público será importante”, dixo e engadiu que “necesitamos un equipo fisicamente poderoso, e que encaixe pouco. Gústanos ser protagonistas, con e sen balón, defender lonxe de portería, en bloque alto. Ser fortes no bloque, con capacidade de resolver a presión e os problemas”.

“Queremos un equipo con bos automatismos, un equipo vertical e que aproveite as súas oportunidades. Moi versátil e preparado para adaptarnos. Queremos un ataque potente, sabemos que pode ser un equipo respectado por rivais, hai que ser capaces de atacar aí”, resumiu.

Sobre Ledesma dixo que é un xogador con amplo percorrido, traballador e implicado, “non o descubro agora. Sabemos que é un xogador que suma no vestiario, con moito carisma. Con Bernardo coincidín en Santander. Carácter, competitivo, contundente, e que entende o xogo”.

Sobre a pretempada dixo que están sen pechar aínda os detalles da mesma pero que esperan ter seis o sete partidos de preparación.

“Coñecemos á xente de canteira, pero imos ver a súa actuación en pretemporada. Veremos como poden encaixar no plan. Hai que ter paciencia tamén co mercado, debemos manter a calma. Seremos un equipo importante, pero hai grandes rivais”, concluíu Munitis.