Skip to main content
Lugo

O mural ‘A Castrexa’ protagonista da maior comunidade de arte urbana do mundo

Por 2 Xuño, 2023Sin comentarios

‘A Castrexa’ do artista lucense Manuel Pallín (Concepto Circo), mural impulsado pola Alcaldía de Lugo na Rolda da Muralla como un tributo ao pasado castrexo da cidade, é protagonista esta semana da maior comunidade de arte urbana do mundo, Street Art Cities. “Esta plataforma xa recoñeceu en 2021 outra obra da cidade, en concreto o graffiti de Julio César elaborado por Diego As, que foi seleccionado como mellor mural do ano a nivel internacional”, lembrou a rexedora, Lara Méndez.

Deste xeito, a plataforma, con máis de 58,6 mil seguidores na súa conta de instagram (@streetartcities), volve a poñer o foco na cidade de Lugo, grazas ao traballo creativo dos artistas lucenses e do apoio do goberno municipal a esta disciplina. Neste senso, a alcaldesa explicou que “nunha publicación de Instagram a castrexa figura xunto a outros espectaculares murais de países como Bélxica, Brasil, Estados Unidos, Italia ou Francia, contribuíndo a visibilizar a nosa cidade e situala como referente da arte urbana a nivel mundial”.

“Así, incidiu Méndez, a castrexa é xa outro dos patrimonios artísticos de Lugo o que axudará a impulsar a súa imaxe como cidade convertida en museo ao aire libre; unha condición á que se chega logo da aposta decidida que fixemos dende o Concello por embelecer os espazos públicos a través da arte urbana, humanizándoos e facéndoos máis atractivos e confortables para a convivencia da veciñanza”.

O mural súmase, así, ás actuacións levadas a cabo na rúa do Esquecemento, emblema da rexeneración urbanística á que facía mención a alcaldesa, pero tamén ás intervencións das Casas Sindicais ou a Praza da Liberdade, dentro dun programa moito máis amplo no que o Executivo de Lara Méndez empregou a creatividade do graffiti como ferramenta de integración social e capacitación da mocidade lucense.

A Castrexa está pintada cunha gama cromática de grises e beiges para ser respectuosos coa contorna da Muralla, nunha fachada de 20 metros de alto na Rolda, e representa a unha guerreira castrexa ataviada cos elementos característicos como son as prensas, xoias e armas. O executivo de Méndez apostou pola súa elaboración xusto cando o municipio está ás portas de celebrar o primeiro Arde Lvcvs considerado como Festa de Interese Turístico Internacional.

Para levala a cabo, Manuel Pallín contou co asesoramento da directora do Museo Provincial de Lugo, Aurelia Balseiro, e do arqueológo municipal, Enrique Alcorta.

Atópase ubicada, así mesmo, nun espazo con moito tránsito, nunha medianeira do edificio número 158 da Rolda da Muralla, e que permite a súa observación dende o propio adarve “o que seguro lle outorga versatilidade como ‘selfpoint’ para que tanto as e os visitantes como o conxunto da cidadanía poida sacar as súas propias imaxes e instantáneas, como está a suceder xa co mellor mural do mundo de 2021, o Julio César de Diego As, vinculado ao legado romano”, explicou a alcaldesa.

O Executivo local leva impulsando a arte urbana desde hai doce anos (2009) como unha forma de expresión que “non só embelece ao conxunto do municipio, senón que tamén permite enxalzar ideas e mesmo a nosa identidade”, destacou Méndez.

Méndez lembrou, finalmente, que “con este mural queremos, ademais, amosar  o papel que as castrexas tiveron hai 2.000 anos na defensa da súa terra dominada entón polos romanos, pero tamén o protagonismo das mulleres no Arde Lvcvs, con catro asociacións formadas integramente por mulleres e unha presenza e participación superior ao 40% en todas as celebracións”. Neste senso, subliñou que, no 2021, Lugo recibiu o galardón Tourism Women Friendly, promovido pola organización Mujeres para el Diálogo y la Educación (MDE), pola visibilización da muller nesta festa de recreación histórica.

Street Art Cities

Street Art Cities é unha comunidade internacional destinada a compartir e encontrar arte urbano. Trátase dunha plataforma na que se achega información dos murais de cada cidade, onde localizalos e información de cada un deles, como por exemplo, o nome do artista, como fixo a súa obra ou onde localizala. Actualmente xa ten rexistradas máis de 34.000 obras de arte dunhas 900 cidades, e ao redor de 90 países.