Skip to main content
Lugo

Alcer celebrou un acto con motivo do Día do Doante de Órganos

Por 6 Xuño, 2023Sin comentarios

Como cada ano, o primeiro mércores do mes de xuño celébrase en España o Día Nacional do Doante de Órganos e Tecidos, organizado pola Unión de Trasplantados de Órganos Sólidos, co apoio da Organización Nacional de Transplantes (ONT), e que este ano leva por lema “Podo ser a peza que outros necesitan”.

Con motivo desta celebración, o pasado domingo Alcer realizou unha performance na que participou Alejandro Robledillo co obxectivo de facer visible esa necesidade de órganos e facer conscientes aos familiares para que non se neguen á doazón. O acto, realizado diante da Casa Clara Campoamor, quedou empañado pola tormenta.

Ademais, este ano, a Unión de Trasplantados de Órganos Sólidos (UTxS) presenta o seu novo logo, que simboliza, en diferentes cores, os órganos representativos das catro entidades de pacientes que a forman: a Federación Nacional para a loita contra as Enfermidades do Ril (ALCER), a Federación Española de Trasplantados de Corazón (FETCO), a Federación Nacional de Enfermos e Trasplantados Hepáticos (FNETH) e a Federación Española de Fibrose Quística (FEFQ).

O obxectivo deste día é homenaxear aos doantes e familiares en todo o territorio nacional, ademais de sensibilizar á sociedade sobre a importancia que adquire a doazón de órganos para as persoas que se atopan á espera dun transplante e necesitan esa peza que complete o seu quebracabezas para poder seguir vivindo.

Segundo datos da ONT, no primeiro trimestre de 2023 rexistrouse un importante aumento con respecto a 2022 na actividade de doazón E transplante, con 505 persoas que doaron os seus órganos tras falecer nos primeiros 74 días deste ano, un 23% máis que no mesmo período de 2022. A eles súmanse as 78 persoas que doaron en vida un ril ou parte do seu fígado, unha cifra que crece un 37% con respecto ao ano previo, situándonos en cifras similares ás de 2019, cando se rexistraron máximos históricos.

Un dos motivos deste crecemento é o aumento da doazón en asistolia, que ata o 15 de marzo de 2023 experimentou un crecemento do 24% respecto ao mesmo período do ano previo. Este tipo de doazón pasou de ser exclusivamente renal a transformarse en multiorgánica, grazas á xeneralización do procedemento de preservación baseado en dispositivos de circulación extracorpórea (ECMO).

España leva máis de 30 anos consecutivos situada á vangarda mundial en doazón e transplante de órganos, con 15 transplantes diarios, o que supón unha taxa en 2022 de 113 por millón de poboación (p.m.p.), e unha media de 7 doantes diarios, cunha taxa de 46,3 doantes falecidos p.m.p., cifras moi superiores ás alcanzadas polo resto de países do mundo.