Skip to main content
Lugo

Os veciños do centro fan chegar ao Concello unha listaxe de queixas polas obras

Por 6 Xuño, 2023Sin comentarios

A Plataforma de Veciños do Barrio Centro de Lugo trasladou ao Concello de Lugo a situación actual “dos xa intensos problemas” derivados do plan de tráfico durante as obras de peonalización do Centro, co tránsito de vehículos pola Rúa Nova.

Os veciños manifestan que algunhas das chapas metálicas colocadas para protexer as tapas de subministracións están soltas e levantadas polo paso dos vehículos, o que supón un grave risco para peóns e automóbiles e ademais volven facer un molesto ruído, o que impide o descanso dos veciños da rúa. Alertan tamén que os ollos de gato colocados na rúa están a provocar numerosos tropezos, provocando xa varias caídas, unha delas mesmo causando unha fractura de certa gravidade a unha veciña, como grave tamén resulta a recente fuga de gas na rúa Montevideo, tamén derivada destas obras.

Os residentes quéixanse así mesmo de non dispoñer dunha zona habilitada para realizar breves e puntuais paradas cos seus vehículos preto dos seus domicilios co fin de atender necesidades básicas dos seus maiores e solicitan autorícense ditas paradas na Rúa Bolaño Rivadeneira, onde, ao seu xuízo, non supoñerían inconveniente algún.

Isto contrasta coa permisividade do Concello ata a data, co aparcamento ilegal que se formou no Carril das Estantigas.

A Plataforma mantén a súa colaboración co Concello co obxectivo común de que as obras supoñan as menores molestias posibles aos veciños. Trasladáronlle todos estes problemas, indicando as consecuencias que están a xerar e achegando posibles solucións para cada un deles. Con todo, considera que debese haber máis previsión e control por parte deste nestes temas tan importantes como a seguridade dos cidadáns, detectando os problemas a tempo e poñendo solucións inmediatas e efectivas para evitar riscos e innecesarias molestias aos veciños.