Skip to main content
Lugo

A Deputación acolle o curso de prevención de risco cardiovascular

Por 13 Xuño, 2023Sin comentarios

O deputado en funcións de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, deu a benvida este luns no Pazo de San Marcos ao medio cento de estudantes que arrancan a súa formación sobre prevención de risco cardiovascular no Curso de Verán que organiza a Universidade de Santiago de Compostela e que imparte a Escola de Enfermería. A formación, que se desenvolverá ata o mércores no Salón de Actos da institución provincial, achegará aos participantes o papel fundamental que xoga a enfermaría na prevención e redución de enfermidades cardiovasculares, primeira causa de morte a nivel mundial.

No acto de apertura do curso, Pablo Rivera Capón, loou o gran elenco de profesionais sanitarios cos que conta esta acción formativa que “axuda a divulgar entre o conxunto da sociedade boas prácticas para mellorar a nosa saúde”. Celebrou que a Universidade e os profesionais da saúde desenvolvan na institución provincial, por segundo ano, este curso trala boa acollida do pasado ano. “Dende a Deputación mantemos unha defensa permanente do noso Sistema Público de Saúde, reclamando cadros de persoal adecuados e o acceso universal con independencia do lugar de residencia, sen que a residencia no rural condicione o acceso á sanidade pública”.

Unha reivindicación dixo o Deputado en funcións, que “entendemos ten que ir tamén da man de políticas de formación e difusión de coñecemento que leven ó conxunto da poboación a adoptar prácticas preventivas que redunden na mellora da súa calidade de vida”, tal e como se abordará durante estes días neste curso fixo fincapé, no que “ se compaxina a excelencia académica do seu traballo co desexo de deseñar actividades que redunden en beneficio”.

Durante estes tres días de formación o alumnado analizará o estilo de vida, coñecerá o papel clave do exercicio, a alimentación saudable e os hábitos tóxicos na prevención das enfermidades cardiovasculares, así como o seu desenvolvemento. Tamén porán en práctica técnicas de reanimación cardiopulmonar (RCP). As enfermidades cardiovasculares seguen a ser a primeira causa de morte a nivel mundial. Segundo datos do INE correspondentes ao ano 2021, o 26% das mortes rexistradas en España relaciónanse con accidentes cardiovasculares. E en 2022, en Galicia morreron 4.740 persoas por esta causa.

No acto tamén participaron a Directora da Escola de Enfermería, Pilar Penela; o director do Curso de Verán da USC, José Vidal Pardo; e o codirector do Curso, Carlos González Juanatey, e Francisco Villanueva González, representante da asociación de pacientes cardiolóxicos Acarlu.