Skip to main content
Lugo

Explorer USC premia dúas aplicacións desenvolvidas en Lugo

Por 13 Xuño, 2023Sin comentarios

O programa de emprendemento universitario promovido polo Santander distinguiu unha sobre seguridade para mulleres e outras para o control da obesidade e saúde de mascotas.

O programa de emprendemento universitario USC Explorer, promovido polo Santander e organizado desde a Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da institución académica, premiou na súa edición de 2023 a App de seguridade para as mulleres CoWalkHER,  ideada polos estudantes do campus de Compostela Elena Fernández, Inés Quintana, Nicolás Fernández e Roberto Tato, e a ferramenta dixital ‘GoodWeight’, un aplicativo desenvolvido na sede universitaria luguesa polos alumnos de Veterinaria Héctor Campos Martínez e David Pérez Delgado, que permite aos titores de mascotas controlar e, no seu caso, combater a obesidade dos animais, ademais de poder dispoñer do historial médico das mascotas no móbil.

CoWalkHER é unha App de seguridade que acompaña ás mulleres durante os seus traxectos, ao tempo que lles facilita atención diante de posibles emerxencias, unha prestación que as fai sentir máis seguras mentres camiñan. Esta App, que conta cun rexistro seguro para evitar así posibles usos negativos da mesma, ofrece ás persoas usuarias unha rede de apoyo e a posibilidade de entrar en contacto con mulleres que se atopan nunha situación semellante, ao tempo que inclúe un mapa de áreas perigosas previamente sinaladas polas propias usuarias da aplicación.

A aplicación GoodWeight, desenvolvida na sede universitaria luguesa e premiada no Explorer 2023, ofrece a posibilidade de reducir a obesidade e todas as enfermidades asociadas mediante a monitorización do peso do animal a través dun dispositivo qeu alerta ao dono ou titor en todo momento de variaciones significantes. Este aplicativo, relatan os seus promotores, recopila toda a información clínica e permite ter actualizado e accesible no móbil o historial médico médico da mascota, así como a información relativa ás probas pruebas y tratamentos que xa lle foron aplicados.

Xurado e outros premiados

O xurado encargado de fallar os proxectos finalistas do programa Explorer 2023 presentados nas sedes de Santiago e de Lugo estivo formado polo delegado do reitor da USC para Transferencia do Coñecemento, Luis A. Otero González; o director da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento (AVTE) da USC, José Luis Villaverde Acuña; a subdirectora Xeral de Emprego da Xunta de Galicia, Belén Liste Lázara, e Óscar Castro Campos, do Banco Santander. Logo de valorar as 12 candidaturas presentadas a este certame de emprendemento universitario, o tribunal acordou tamén distinguir as propostas rexistradas no USC Explorer Space Santiago Nóstoria, de Ana Paulina Chas e Iago Duarte, e FRUCTIFY Consultancy & co, de Josofina Anllo Naveiras.

Nóstoria, que acadou o segundo galardón, responde a unha idea de empresa de xestión cultural: deseño, creación e asesoramento de servizos culturais relacionados coas festas de recreación histórica, mentres que FRUCTIFY Consultancy & co, a candidatura clasificada en terceiro lugar, antóllase como xerme dunha empresa consultora especializada en innovación e sustentabilidade en agricultura.

O xurado tamén puxo en valor outras dúas propostas empresariais innovadoras presentadas a esta edición do programa Explorer desde o Campus Terra, tal e como é o caso da clínica veterinaria Golmar, unha candidatura impulsada por Alba Crespo Golmar y Alba Rodríguez García, e Erro, tal e como se coñece o centro de aprendizaxe artística e de dinamización cultural no rural, madurado por Antía Carreira Vázquez. Ambos proxectos acadaron cadanseu segundo premio.

A clínica veterinaria Golmar está concibido como un centro enfocado á atención primaria integral das mascotas na contorna rural de Lalín. Trátase dun proxecto de proximidade que pretende achegarse a un maior público a través de novas canles dixitais, ao tempo que busca aproveitar o uso da tecnoloxía para interactuar cos clientes. A telemedicina, relatan Alba Crespo e Alba Rodríguez, é un servizo innovador que diferenciará o negocio e achegará valor engadido, xa que permite axilizar consultas e seguimentos, evita a tensión do transporte, posibilita avaliar ao animal na súa contorna e achega solucións en pacientes difíciles de trasladar.

A promotora de Erro, Antía Carreira Vázquez, pretende a dinamización da vida cultural no ámbito rural a través de Erro, un centro de aprendizaxe artístico con sede na capital luguesa e na parroquia tamén luguesa de Penarrubia. O obxectivo de Erro é a creación de sinerxías e comunidade entre artistas galegos, ademais de descentralizar a cultura das áreas urbanas.