Skip to main content
Lugo

O Concello de Lugo celebra o 351 aniversario da ofrenda do Antigo Reino de Galicia

Por 19 Xuño, 2023Sin comentarios

Ofrenda que foi realizada polo rexedor de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, que afirmou “sentirse honrado” por iniciar o seu mandato participando nesta cerimonia.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, presidiu onte a tradicional ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento, que conmemora o seu 351 aniversario. Ofrenda que foi realizada polo rexedor de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome.

Antes do acto principal, Méndez recibiu ao seu homólogo ourensán na Casa do Concello, onde asinou no Libro de Ouro. O rexedor da cidade das Burgas, que afirmou “sentirse honrado” por iniciar o seu mandato sendo o oferente desta cerimonia, desexou “que mellore o camiño, que aumenten os camiñantes e así os cruces entre as dúas cidades xemelgas de Galicia, Ourense e Lugo”.

A continuación, tivo lugar o tradicional intercambio de agasallos, no que Pérez Jácome entregou a Méndez un afiador de cerámica Galos e recolleu de mans da alcaldesa lucense unha voluta de Sargadelos – “un fermoso ornamento en forma de espiral moi característico da arquitectura galega e, polo tanto, un signo identitario do noso pobo” – en recordo da súa participación “nunha tradición que ten máis de tres séculos de historia e que é a única celebración que se conserva para conmemorar o Antigo Reino de Galicia”, explicou a rexedora.

Ambos os dous mandatarios estiveron acompañados, entre outras autoridades, polo rexedor de Mondoñedo, Manuel Angel Otero e representantes das cidades do Antigo Reino de Galicia de Betanzos, Tui e A Coruña. Tamén asistiron a subdegelada do Goberno, Isabel Rodríguez; o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; o Delegado Territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias; o deputado, Pablo Rivera; a deputada de Ourense, Luz Doporto Real, e unha representación do Congreso, do Senado e do Parlamento de Galicia, así como da Universidade, da Audiencia Provincial e das forzas de seguridade.

A comitiva, que partiu do Concello en torno ás 11:00 horas da mañá, estivo acompañada pola Real Banda de Gaitas de Ourense no seu desprazamento dende a Praza Maior ata a Catedral de Lugo.

Alí, durante o oficio relixioso, Pérez Jácome apelou á axuda do Santísimo “para xestionar con éxito, polo ben da comunidade, o novo futuro que se abre ante nós, marcado polos efectos do duro pasado recente, as aceleradas innovacións tecnolóxicas e os profundos cambios sociais, co obxectivo de construír unha sociedade xusta,  igualitaria,  sa,  próspera, respectuosa cos dereitos humanos e cidadás. Unha sociedade na que cada persoa poida contribuír ao ben común cun traballo edificante para si mesma e para a sociedade; e tamén co exercicio responsable das súas obrigas, persoais ou sociais,  cara aos demais. Unha sociedade en permanente e responsable loita para eliminar as discriminacións, a violencia, o maltrato, a guerra, a enfermidade ou a irracionalidade”.

O rexedor concluíu a ofrenda cos versos do poeta Antón Tovar sobre Galicia… “É un arrecendo que se espalla nas brétemas, vai apalpando montes, congostras e casales, leiras, como unha mau que vai e ven ás cegas, dende as uces ó mar dende os mares ás serras. É un arrecendo ben achegado ás pedras, ás vellas pedras dos camiños que chouta e voa hastra as Américas”.

A xornada festiva concluíu cun xantar de confraternidade nun restaurante da capital.