Skip to main content
Lugo

O Campus Terra afonda sobre o valor dos soutos no Simposio da Castaña

Por 27 Xuño, 2023Sin comentarios

O encontro da Sociedade Internacional de Ciencias Hortícolas cita ata o xoves na sede universitaria luguesa máis de 100 investigadores internacionais.

O VII Simposio da Castaña, un foro de análise e debate das últimas liñas de I+D e propostas de innovación arredor desta especie forestal promovido pola Sociedade Internacional de Ciencias Hortícolas (ISHS) cita ata o xoves na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) do Campus Terra da USC máis dun centenar de investigadores internacionais, un amplo elenco de participantes que aproveitarán as distintas palestras e visitas programadas para intercambiar resultados de investigación, así como para debater cuestións orientadas a recoñecer e potenciar o valor socioeconómico, natural e cultural dos soutos.

A apertura do VII Congreso Internacional da Castaña, unha sesión presidida polo subdirector da EPS de Enxeñaría Emilio Carral Vilariño, en na que tamén participaron o coordinador do congreso, Santiago Pereira Lorenzo; o director Xeral de Planificación Forestal da Xunta de Galicia, José Luis Chan, e o presidente do Grupo da Castaña da Sociedade Internacional de Ciencias Hortícolas (ISHS) e investigador da Universidade Trás-os-Montes e Alto Douro José Gomes Laranjo, serviu para trasladar aos congresistas algunhas das singularidades que presentan os cultivares de castaño en Galicia.

Produtores

Así, logo de salientar a condición de Galicia e nomeadamente as provincias de Lugo e de Ourense, como principais enclaves produtores de castaña de España e incluso de Europa, José Luis Chan, apuntou o control das pragas que afectan ao castiñeiro e os problemas relacionados coa propiedades desta especie arbórea, como dúas das principais problemáticas que debe sortear Galicia para acadar un aproveitamento óptimo.

Chan explicou neste senso que en Galicia a propiedade das árbores (castiñeiros) non sempre corresponde coa do terreo no que se atopan, ao tempo que tamén existen soutos en montes veciñais en man común, dúas singularidades que dificultan a xestión óptima. Aínda así, Chan lembrou na súa intervención as distintas iniciativas xa acometidas pola Xunta de Galicia para solucionar estas eivas, tal e como poden ser as distintas campañas de control de pragas postas en marcha ou mesmo a aínda incipiente creación de agrupacións de produtores. Outras das particularidades que presenta o sector da castaña en Galicia é a o cultivo de distintas variedades, engadiu Chan.

O profesor Santiago Pereria, que ademais de coordinador do simposio, tamén é vicepresidente da división de froitos secos da ISHS, subliñou que a celebración desta reunión científica na sede universitaria luguesa responde ao compromiso contraído entre a USC e a principal rede mundial da área de horticultura, unha organización independente que actúa como plataforma mundialmente recoñecida nos eidos da investigación, o intercambio de información científica e a colaboración a prol da innovación sustentable en horticultura.

A Sociedade Internacional de Ciencias Hortícolas contabiliza entre os seus membros máis de 70.000 individuos, universidades, gobernos, compañías comerciais, ademais dunha ampla representación institucional de medio centenar e países e rexións dos mundo, sinala Pereira Lorenzo, para, de seguido, cifrar en dous millóns de toneladas de castaña a produción das 500.000 hectáreas de bosques de castiñeiros existentes no mundo.

Produción de castaña

A produción de castañas en Asia é case 8 veces máis que en Europa. China, que conta con máis de 300.000 hectáreas de castiñeiras, é o principal produtor mundial nunha listaxe na que tamén destacan outros países como Corea e Xapón, en Asia, así como Turquía, Italia, Portugal e España, en Europa, e Chile, en América do Sur. A principal diferencia entre a produción asiática e a europea está na cantidade, pero sobre todo no feito de que se trata de dúas especies cultivadas distintas: Castanea mollissima, en China, e C. crenata, en Xapón, mentres que en Europa, onde se estima a existencia duns dous millóns de hectáreas de bosques dominados por castaños, cultívase C. sativa, explica Pereira Lorenzo.

Galicia, salienta o catedrático da USC, é a principal produtora de castaña de España e a rexión que presenta unha maior diversidade xenética de cultivares de castiñeiro de calidade, con árbores monumentais preservan esa diversidade, e cuxa produción está amparada por la Indicación Xeográfica Protexida Castaña de Galicia, a única IXP de España. Alén da produción de castaña, o profesor Pereira Lorenzo tamén pon en valor a importancia do castiñeiro pola súa madeira de calidade, así como pola súa fonda pegada na paisaxe e mesmo na tradición cultural europea. Esta realidade, no caso de Galicia, tradúcese na celebración de máis de 200 magostos cada outono, precisou Carral Vilariño.

Relatorio inaugural

A presidenta da División de Froitos Secos (DNUT, polas súas siglas en inglés) da ISHS e investigadora da Universidade de California Giulia Marino, abriu a quenda de relatorios desta nova edición dun encontro internacional que recala en Galicia un cuarto de século despois do seu nacemento en Estados Unidos, e tras as anteriores edicións desenvolvidas en Francia (1998) Portugal (2004), China (2008), Estados Unidos (2012) e Turquía (2014).

Alén do amplo abano de conferencias e da presentación de diversas comunicacións para o intercambio de ideas e investigacións sobre a castaña e o castiñeiro, o programa deste simposio permitirá ás persoas inscritas visitar castiñeiros e contornas naturais de especial relevancia, entre elas as árbores xigantes, no Courel e tamén nos viveiros de castiñeiros de que dispón Tragsa en Ourense.