Skip to main content
Monforte

As entidades sen ánimo de lucro de Monforte xa poden pedir as subvencións aprobadas polo goberno local

Por 3 Xuño, 2023Xuño 4th, 2023Sin comentarios

O goberno de Monforte aprobou a convocatoria anual de subvencións a entidades e asociacións sen ánimo de lucro, inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións, que desenvolvan actuacións no ámbito dos servizos sociais no Concello de Monforte, durante o exercicio 2023.

“Con estas axudas, queremos facilitar a estas entidades recursos para a inclusión social para garantir a autonomía persoal e para brindar oportunidades sociais e educativas, así coma axudar a previr a aparición de dependencia, desigualdade ou desprotección a aquelas persoas máis vulnerables”, explicou o alcalde da cidade do río Cabe, José Tomé.

Esta liña de axudas busca fomentar e apoiar o desenvolvemento de proxectos complementarios de servizos sociais comunitarios de entidades de iniciativa social, previamente inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións, atendendo ao seu interese social, calidade, carácter innovador e articulación efectiva coa oferta pública de servizos sociais comunitarios.

A contía destinada a estas subvencións para actividades realizadas no ano 2023 ascende a 12.000 euros, sendo 2.000 euros a contía máxima de cada subvención. Do mesmo xeito, como regra xeral, o importe máximo da subvención para cada proxecto ou actividade non poderá exceder do 70 % do seu orzamento.

O prazo de solicitude para estas axudas estará aberto ata o 14 de xuño de 2023 e a documentación requirida poderá presentarse no Rexistro Xeral do Concello, na Sede Electrónica do mesmo ou en calquera das formas previstas no artigo 38.4 da Lei 30/92, de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común.

Beneficiarios e requisitos

As entidades que poderán optar a ser beneficiarias destas subvencións de carácter social, serán aquelas que realicen actividades ou desenvolvan proxectos de interese social para o municipio de Monforte de Lemos. Quedan excluídas da convocatoria as entidades e asociacións de carácter exclusivamente cultural, veciñal, xuvenís, deportivas, ANPAS e profesionais.

Son obxecto de subvención o desenvolvemento de actividades e proxectos de carácter social que teña como destinatarios calquera dos colectivos das distintas áreas de actuación propias dos servizos sociais, primando aqueles colectivos de persoas que por razón de índole económica, de saúde ou concorrencia de circunstancias sociais, étnicas ou culturais sofran especiais dificultades respecto da xeneralidade de poboación e precisen dunha atención específica para garantir o acceso a calidade de vida e participación social.

A adxudicación das subvencións farase en concorrencia competitiva tendo en conta os principios de igualdade, transparencia, non discriminación e obxectividade, e as puntuacións alcanzadas serán as que determinan as subvencións obxecto de concesión conforme aos seguintes criterios de valoración, tendo en conta que cada proxecto poderá ser valorado cun máximo de 20 puntos:

  • Calidade e contido técnico do proxecto, cun máximo de 12 puntos divididos segundo a calidade do proxecto, a temporalización das actividades e sostibilidade no tempo e a atención a tipoloxía de necesidades atendidas.
  • Incidencia social do proxecto, cun máximo de 5 puntos desagregados no número persoas participantes, na apertura actividades e na declaración da entidade como entidade de Utilidade Pública.
  • Experiencia no sector de poboación determinado pola maior implantación no Concello, cun máximo de 2 puntos.
  • Carácter innovador do proxecto, cun 1 punto.