Skip to main content
Chantada

Familias de diferentes parroquias de Chantada denuncian a situación do transporte escolar a través do BNG

Por 27 Xuño, 2023Sin comentarios

Desde o partido nacionalista de Chantada denuncian a situación que viven algunhas familias das parroquias Merlán, Sabadelle, San Miguel do Monte ou Adá do municipio con respecto ao transporte escolar.

Carme Aira, deputada do Bloque Nacionalista Galego no Parlamento, e Manuel Moure, responsable local do BNG en Chantada, reuníronse con diferentes familias afectadas pola “mala organización das paradas do transporte escolar en Chantada”.

“Os nosos fillos deben andar en pleno inverno grandes distancias para poder coller o bus, o que fai que moitas veces nos decidamos por levalos nós directamente á escola”, indican as familias das crianzas afectadas. Así, explican que “non estamos pedindo nada do outro mundo, nin sequera estamos pedindo que se desvíe ningunha das rutas que actualmente fai o transporte escolar, simplemente que recollan os nosos fillos engadindo unha parada”.

Carme Aira asegurou na reunión que desde a Xunta da Galicia “xogan a pasarse as competencias neste tipo de cuestións entre a Consellaría de Transportes e a Consellaría de Educación” e que “non acceden ás peticións das familias para que deixen de usar o servizo e así poder desmantelalo”.

Por este motivo, a deputada nacionalista instou as familias que acudir ao Parlamento para reunirse con representantes dos tres grupos con representación na cámara galega para expoñer a súa situación e reclamar solucións.