Skip to main content
Ribas de Sil

Esta fin de semana celébrase a Festa da Cereixa, do Viño e do Aceite en Ribas de Sil

Por 7 Xuño, 2023Sin comentarios

Esta fin de semana terá lugar a XIX Festa da Cereixa, do Viño e do Aceite no Concello de Ribas de Sil, que volve incorporar o viño como elemento novidoso desta festa, tal como se fixo por primeira vez o ano pasado.

O alcalde, Miguel Ángel Soutela, sostivo que “afrontamos esta nova cita con ilusión e forza, pensando, como no primeiro ano, en poñer en valor os nosos produtos e en potenciar turísticamente a Praia Fluvial de San Clodio, ao mesmo tempo que tentamos desfrutar duns días de festa en compañía de amigos e familiares”.

Así, dende o goberno local presentaron o programa, que incluirá os días 10 e 11, sábado e domingo, con diversas actividades para todos os públicos.

Programa

O sábado comezará coa apertura do recinto feiral e a degustación de cereixas e coa ruta que percorrerá ás 10.00 horas o Castro de Abaixo, a Cubela e Torbeo da man da interpretación xeolóxica destes lugares.

Xa ás 13.00 horas, inaugurarase o Centro de Interpretación do Río Sil (CIRS) na vella escola de Torbeo, cuxo obxectivo será divulgar as características xeolóxicas, hidrográficas, naturais e culturais do río e da súa contorna no municipio da Ribeira Sacra, que formará parte, ademais, do Xeoparque mundial Montañas do Courel.

Pola tarde, a partir das 18.00 horas, abriranse as portas da Aula de Pesca, na que haberán expostas pinturas NAIF da xornada de pintura ao aire libre.

Con respecto ao domingo, 11 de xuño, a exposición de pintura estará dispoñible durante todo o día e estarán abertos os dous museos CIMAR e CIRS tamén durante a xornada.

Pola súa parte, ás 11.00 horas, haberá unha exposición da alfombra de flores do Corpus Christi no atrio da Igrexa parroquial de San Clodio e ás 11.30 horas terá lugar a animación musical a cargo da charanga KM0. A última actividade da mañá será o pregón, a cargo de Luis Francisco López González, doutor en arqueoloxía de Torbeo.

Pola tarde, o salón de actos do Concello acollerá a presentación do libro ‘Historias do Concello de Ribas de sil’, do profesor Manuel Cao Rodríguez e ás 18.00 horas volverá a animación musical do grupo KM0, que rematará coa actuación, ás 20.00 horas, do grupo de baile San Clodio e Quiroga.