Skip to main content
O Páramo

José Luis López acada a maioría absoluta no Páramo

Por 5 Xuño, 2023Xuño 12th, 2023Sin comentarios

O actual rexedor repetirá como alcalde do concello paramés pero, neste caso, baixo as siglas do Partido Popular, facendo desaparecer Todo Polo Páramo, pero tamén o PSOE

O actual rexedor do Páramo, José Luis López, que goberna baixo o partido independente Todo Polo Páramo, gañou as eleccións municipais de 2023 á cabeza do Partido Popular, integrado por militantes populares e parte do equipo que traeu consigo do partido independente.

Así, das 1.008 persoas que votaron, 543 depositaron a papeleta azul na urna, o que lle supuxo 6 concelleiros, conseguindo a maioría absoluta para poder gobernar independentemente dos apoios que poida ter.

O actual alcalde, José Luis López, quixo agradecer a participación e o apoio dos veciños e veciñas do Páramo e sostivo que “estamos moi contentos da resposta da xente do Páramo”.

Neste vindeiro mandato ten como obxectivo a construción da residencia da terceira idade, para a que xa está feito o proxecto. Tamén se propón conseguir un polígono industrial, poñer en funcionamento o programa Xantar na Casa, así como o servizo Madrugadores e a creación dun parque infantil no contorno do colexio.

CONCELLEIROS ELECTOS

  • José Luís López López PP
  • Benjamín García Toirán PP
  • Verónica Arias López PP
  • Ana Castaño Doce PP
  • Cesar Gay Chousa PP
  • Encarnación García López PP
  • Gumersindo A. Rodríguez Liz Alternativa Veciñal Polo Páramo
  • Iván Rodríguez Losada Alternativa Veciñal Polo Páramo
  • Gonzalo Liz López Alternativa Veciñal Polo Páramo

Mentres, a segunda forza máis votada foi o partido independente conformado este ano con Gumersindo Rodríguez Liz, exalcalde do Páramo e cabeza de lista no partido político Alternativa Veciñal polo Páramo, que acadou 318 votos e 3 concelleiros. Gumersindo Rodríguez foi alcalde do Páramo durante 36 anos e nas eleccións de 2019 presentouse como número dous da lista do PP, porén, despois de que José Luis López anunciara a súa candidatura polo PP, Gumersindo tomou a decisión de ir por libre.

En contraposición, tanto o PSOE como o BNG, os outros dous colectivos que se presentaron como forza políticas nas eleccións municipais do Concello do Páramo, non conseguiron ningún edil. Así, o PSOE encabezado por José Manuel Gayoso acadou 80 votos e o BNG de Marta Portero 52.

Pola súa parte, o cabeza de lista do PSOE, José Manuel Gayoso, quixo agradecer “aos meus compañeiros de candidatura polo traballo feito e aos meus votantes pola súa disposición a axudarme”, sostivo.  Ademais, defendeu que o programa que levaba o o PSOE para O Páramo “era o mellor con respecto ás demais candidaturas e os nosos proxectos si que tiñan financiación co abrigo da Deputación Provincial sempre disposta a axudar para levar O Páramo a onde queriamos”.

Da mesma maneira, denuncia que o PP e Alternativa Veciñal polo Páramo atacaron durante a campaña ao PSOE “mediante mentiras”, polo que o PSOE tivo que “desmentir acusacións”, pero sostén que “a mensaxe non calou nos votantes do Páramo e o retroceso de votos por medo as dúas posturas que vendían os dous grupos políticos que entraron no Concello, fixeron mella”, argumentou Gayoso.

Por último, quixo anunciar que desde o PSOE “informamos aos veciños de que, a pesar de non contar coa súa confianza, imos seguir traballando polo Páramo que temos na cabeza e seguiremos axudando aos veciños na posición que nos deron e nas posibilidades de axudar”.