Skip to main content

Por Julio Díaz

Levo semanas escoitando, día a día tamén, que si intelixencia artificial, ciberespacio, avatares dixitais… e despois de traer xa ao meu “pupitre” temas como ChatGPT, os grupos de whatsapp e outros, decidín ir un pouco máis alá e adentrarme no metaverso e no seu impacto no ámbito do ensino e da formación virtual.
Aínda que o “metaverso” pareza algo novidoso, o seu concepto existe desde fai moito tempo; xurde por primeira vez na novela de ciencia-ficción Snow Crash, de Neal Stephenson, publicada aló polo ano 1992. Neste libro, o autor fala do internet do futuro, ao que denomina “metaverso” e o define como un ciberespacio de realidade virtual onde se pode experimentar unha segunda vida a través de avatares dixitais.

Os expertos consideran o metaverso como unha ferramenta que pode mellorar o ensino – aprendizaxe, pero que o seu uso require do perfeccionamento da tecnoloxía, dun amplo e fácil acceso a ela, da creación de contidos inmersivos e de modificar o papel dos docentes, entre outros moitos aspectos.

As posibilidades que para a educación abre esta tecnoloxía son ilimitadas. Permite aproximarse a contidos imposibles nuha aula tradicional, a colocarse en situacións extremas, evitando deste xeito participar en experiencias de alto risco. Imaxinade que os nosos alumnos poidan vivir un incendio incontrolable desde o corazón do mesmo, participar en rescates en situacións extremas ou mesmo explorar desde dentro o corpo humano cunhas simples gafas de realidade virtual. Así, o metaverso permítenos aos docentes promover a aprendizaxe a través da experiencia; mantén aos nosos alumnos motivados e atentos, aumentando a súa participación, eliminando ao mesmo tempo as fronteiras do espazo e da distancia para que os nosos rapaces teñan unha maior interacción.

Un recente estudo da Universidade Oberta de Cataluña identifica catro eixes potenciais do metaverso no entorno educativo. O primeiro, transformar os modelos, contidos e procesos de ensinanza – aprendizaxe. O segundo, adecuar a oferta e a demanda educativa, abordando as brechas dixitais. O terceiro pasa por redeseñar entornas, roles do alumno – profesor e a avaliación. O cuarto e derradeiro, sería o que se refire a implementar no ensino os modelos baseados en ecosistemas formados polos nosos socios no proceso educativo, como poderían ser as empresas tecnolóxicas e outras institucións.

O reto que nos expón educar nos metaversos é precisamente imaxinar experimentando con ferramentas e propostas educativas creativas, arriscadas e innovadoras, así como deseñar materiais lúdicos, á vez que educativos, que sexan adecuados e atractivos para esta nova xeración dos nosos alumnos que está crecendo con linguaxes inmersivos e interactivos dos videoxogos e das redes sociais.

Debemos saber que educar no metaverso non está exento de riscos e problemas e, de feito, son varios os inconvintes e limitacións, como por exemplo, o uso de cascos e gafas de realidade virtual, como dispositivos mellor preparados para situarnos “dentro” do entorno educativo dixital xerado, resultan en moitos casos, incómodos e, aqueles máis ergonómicos e que informaticamente ofrecen mellores prestacións son obviamente moito mais caros. Así mesmo, como xa aconteceu no pasado, na “primeira realidade virtual”, poderiamos dicir, o uso deste tipo de dispositivos durante longos períodos de tempo poden producir desgaste ocular, dores de cabeza, mareo e mesmo vómitos producidos por intentar introducir o mundo simulado no noso campo visual desde as gafas de realidade virtual.

“O potencial do metaverso está en consideralo como un complemento nos procesos educativos, que nos permiten dar resposta a temas como o acceso a contidos e contornas nas que a inmersión nos aporta un gran valor”.