Skip to main content

Por Pablo Veiga

Nin máis nin menos. Parecía que a situación no campo galego, especialmente no relacionado coas explotacións gandeiras de leite, estaba tranquila. Ano e medio despois das últimas protestas, motivadas polo de case sempre, é dicir, o baixo prezo que se lles ofrecía aos produtores por parte das industrias lácteas, volvemos por enésima vez escoitar as mesmas reclamacións por parte dos afectados. Estase a falar que a proposta dos novos contratos leva consigo unha baixada do dez por cento a partir do primeiro de abril, o que fará aínda máis insostible a situación de centos de granxas no País. A consecuencia verémola cando se analice a evolución das mesmas, onde se indicará que o seu número é inferior ao do ano anterior, co que iso significa nas zonas rurais, especialmente naquelas onde o sector ten unha importancia capital, como é a Terra Chá.

As organizacións sindicais e asociacións que representan os intereses do colectivo anuncian mobilizacións. Xa vimos e estamos a ver de novo nas rúas tratores e pancartas con frases reivindicativas que nos resultarán familiares.
E idéntica cantinela tamén a observamos nos gandeiros de vacún de carne. Como sentenciaba un dos centos de produtores que se estaban a manifestar: Meu pai gañaba máis cartos hai corenta anos con vinte vacas que gaño eu con sesenta cabezas. Está todo dito.

Voltamos ás andadas, xa que os custes de produción disparáronse nos últimos tempos. Por un lado, as cotizacións á Seguridade Social; como traballadores autónomos que son, cada ano están a subir, independentemente que os beneficios sexan escasos ou nulos. Polo outro, a maldita invasión rusa a Ucraína derivou nun incremento exponencial do cereal que resulta imprescindible para alimentar o gando. Nesta mesma columna, meses atrás facíase fincapé neste problema. No noso País deberiamos ter capacidade para cultivar suficiente cereal sen necesidade de impórtalo de terras tan lonxanas, pero aquí o lema reiteradamente escoitado era que non compensaba. Pois aí temos o resultado. E finalmente, a pesar de que o consumidor nos supermercados está a pagar tanto o leite como a carne cada vez máis caros, estas subas non están a repercutir naqueles que inician o proceso, é dicir, os gandeiros.

O agro esmorece, aínda que isto non é novo, xa que o leva facendo máis de trinta anos sen que ningúen sexa quen de mudar esa tendencia. Causa graza, aínda que non teña ningunha, organizar debates sobre o futuro do campo galego.

Expertos e entendidos falan e falan, cheos de razón, con propostas e ideas para reverter a situación. Pero en realidade non visualizamos solucións, máis ben todo o contrario. Inconcebiblemente a pesares das boas intencións e de moito discurso teórico, na práctica continuamos con esta tremenda desfeita. O sector agrario e gandeiro en Galicia, coa importancia que ten desde diversos eidos, que van desde o económico ata o cultural e sociolóxico, atópase en coidados intensivos. E precisa de remedios efectivos e eficaces, non de tanta palabra, da cal viven algúns, pero non os gandeiros, quen viven do seu traballo, ou iso pretenden. Igual ca todos.