Skip to main content
Colaboracións RIBEIRASACRAXAColaboracións SARRIAXAColaboracións TERRACHÁXA

Fortuna, “o mellor matador de todos os tempos”

Por 11 Xuño, 2023Sin comentarios

Por Raúl Río.

Cando no outono de 1969 cheguei ao pobo biscaíño de Sestao, debido a miña curiosidade de explorar o novo lugar no que ía encetar unha nova vida, vin moitas cousas que me chamaron a atención, pois atopábame nun país moi diferente a miña aldea natal, á capital lucense, onde eu rematara de estudar Mestría Industrial, ou incluso A Coruña, onde traballei de delineante durante seis meses en “Talleres PREME”, daquela na rúa Francisco Catoira. Tiña présa por adaptarme á nova situación xeográfica e cultural, polo que me fixaba en todo o que vía cos meus ollos.

Catro anos despois de chegar, o concello de Sestao puxo fronte á estación do tren da Iberia, nunha casa ao lado do bar “La Estación”, rexentado daquela polo matrimonio vilarego composto por Manuel Cordeiro e Otilia Rodríguez, unha placa na que poñía: “Aquí nació el que fuera el mejor matador de todos los tiempos, Diego Mazquiaran Fortuna. Por esta Sestao le rinde homenaje, 10-2-1895, 2-9-1973”.

Desde logo que non son taurino, xa que non podo entender como hai quen se divirte coa tortura e co sufrimento dun animal tan nobre como o touro nin como unha sociedade pode ser tan inhumana para ter como festa nacional esa brutalidade e outras tan bárbaras como tirar unha cabra dun campanario. Unha pena que os españois non teñan outro modo de divertirse e celebrar as súas festas.

Sabía que en Euskal Herria, ao igual que en Galiza, non existe afección por esa barbarie e os touros son mansos, aínda que nos Vilares, na casa de Morico de Vilarcbán, onde sempre houbo un boi mando como semental, segundo o interesante libro “Lareira de soños”, de Pastora Veres, naceu o toureiro Pascual López López, que co nome de “El Trianero” (chamado así porque para ter mais éxito dicía que nacera en Triana) recorreu as prazas mais importantes de Colombia e Venezuela.

Sempre me chamou a atención esa placa e quixen saber mais sobre Diego Mazquiaran Torrontegui. Souben que era fillo de labradores navarros e que seu pai traballaba nos Altos Fornos, nos que tamén eu traballei despois, que era algo rebelde e sendo moi novo escapouse da casa para facer de “maletilla”; que andou repartindo pan mentres practicaba coa lendaria familia xitana de “Los Gallos” as técnicas da tauromaquia e carretando maletas na estación de Valladolid, onde unha locomotora despezou ao seu compañeiro e a el so lle fixo algunhas feridas, pero tivo a fortuna de seguir con vida e de aí o seu alcume de “Fortuna”.

Este ano agasalloume a compañeira dun amigo co libro “Guía práctica de Madrid oculto”, onde atopei unha das anécdotas mais curiosas que lle puideron pasar a este matador durante a súa corta vida. Foi o 23 de xaneiro de 1928 ás 8 horas dunha mañá fría xunto ao río Manzanares, cando unha manada de vacas e touros de lidia eran conducidos a un curral do barrio de Carabanchel Baixo, escapándose dos coidadores un touro e unha vaca, que se dirixiron á ponte de Segovia e de alí ao centro da cidade. Estes touros eran bravos, criados para ser toureados nas prazas e arremetían contra todo o que se lles puxera por diante; primeiro foi a un ciclista que tirou no chan e despois a un taxi, ao que lle furou unha porta cos cornos, pasou ao trote polo paseo da Virxe do Porto, subiu a costa e foi dar a praza de España. Neste punto algúns espontáneos intentaron entreter ao animal pero el seguiu até a Gran Vía, creando pánico entre os transeúntes que escapaban como podían para evitar ser feridos.

Xa eran as 11 da mañá nesa vía madrileña cando pasaba por alí o toureiro vasco coa súa señora, á que apartou para un lado, sacou a gabardina e non dubidou en darlle uns pases con ela a modo de muleta, mentres pedía que lle trouxeran unha espada. Alguén dos espectadores foi ao Casino Militar, que se atopaba cerca, e levoulle un sable, pero dixo que non lle servía, polo que mandou a un rapaz con un coche á rúa Valverde, onde el vivía para que lle trouxera un estoque.

Durante quince minutos estivo entretendo ao touro, mentres a multitude aplaudía e cando o rapaz trouxo o estoque chegou a hora da verdade, inmortalizada na fotografía que se acompaña.

Este heroico acto serviulle de propaganda e foi chamado nada menos que para inaugurar a Praza das Ventas de Madrid o 17 de xuño de 1931, xunto con Marcial Lalanda, Nicanor Villalta, Fausto Barajas, Luis Fuentes Bejarano, Vicente Barrera, Armillita Chico y Manuel Mejias Bienvenida, matando o primeiro touro da gandería Domeq, chamado Hortelano.

Despois a vida non lle foi tan afortunada, xa que empezou a experimentar trastornos mentais e sufrir ataques de nerviosismo, o que influía no desempeño como toureiro e no seu desenvolvemento nas relacións sociais.
Morreu nun psiquiátrico de Lima (Perú), o 29 de abril de 1940, aos 45 anos de idade.