Skip to main content
As Pontes

O circuíto das Pontes acolle a segunda edición do Training Technical Campus de moto e karting

Por 22 Xuño, 2023Sin comentarios

O circuíto das Pontes acollerá, entre os días 29 de xuño e o 2 de xuño, o segundo Training Technical Campus organizado pola Federación Galega de Motociclismo coa colaboración do Concello das Pontes.

O Training Technical Campus As Pontes combina formación deportiva, técnica e mecánica a cargo das escolas de pilotos Pilotos MVR e Squadra School e está ideado para que os pilotos aprendan e melloren a técnica de pilotaxe e as estratexias de competición, a través dun programa completo e personalizado, impartido por profesionais do mundo do motor.

Nesta edición, entre os monitores responsables da formación no apartado de motociclismo, atópase a piloto española, María Herrera, a muller piloto que máis puntos logrou no Mundial de MotoGp e que na actualidade compite no Mundial de MotoE e o piloto portugués André Pires, campión de Portugal en varias ocasións en diferentes categorías. Tamén formará parte do profesorado un técnico especialista en pneumáticos, e un técnico especialista en suspensión e xeometrías.

No apartado de karting a formación mecánica correrá a cargo de Miguel Falco, de Marlon Kart, especializado en mecánica e motorización, o cal e un referente no mundo do kart, tanto a nivel nacional como internacional. Así mesmo formarán parte do corpo docente tres monitores de karting e un técnico especialista de RodaKart, distribuidor oficial para España e Portugal dos pneumáticos LeCont.

Por outra banda a formación deportiva, técnica e mecánica completarase con formación sobre nutrición e psicoloxía deportiva e adestramentos físicos e funcionais, necesarias para a formación dos pilotos como deportistas de elite que será impartida pola dietista nutricionista, Eva González Devesa, o doutor en Saúde e Motricidade Humana, Daniel Gonzáles Devesa e Jacobo Ceide Franqueira, experto en liderado de alto rendemento deportivo.