Skip to main content
Ribadeo

Comeza a oitava edición do Ribadeo Indiano, que virá cargada de novidades

Por 7 Xullo, 2023Sin comentarios

A oitava edición do Ribadeo Indiano virá cargada de novidades. Esta festa histórica, que rende homenaxe ás familias emigrantes e que se celebra do 7 ao 9 de xullo, supérase ano a ano tanto no referente á cantidade de persoas que se achegan á vila para gozar desta cita, como tamén nas actividades organizadas.

A lenda da música cubana, Eliades Ochoa, será a estrela musical do Ribadeo Indiano 2023. O concerto será o 9 de xullo ás 20.30 horas no barrio indiano de San Roque.

O grupo musical A Trova Coruñesa, do que forma parte o percusionista ribadense Chenchu López, actuará o 8 de xullo, sábado, ás 14.00 horas no escenario principal do evento, instalado no barrio de San Roque.

XINCANA.

A pegada indiana, será o xogo que se celebrará o sábado 8 por equipos nos que os participantes terán que pasar unha serie de probas e superar os puntos estratéxicos para gañar. Cada proba estará situada nun punto estratéxico, que os participantes deberán adiviñar, seguindo as pistas que a organización proporciona. Para participar será necesarioapuntarse en xincanaribadeoindiano@gmail.com.

EXPOSICIÓN.

A exposición Bitácora Incompleta é a primeira mostra dos artistas contemporáneos cubanos, Ricardo Miguel Hernández, Yunior Aguiar Perdomo e do dúo artístico Celia – Yunior, en Ribadeo, Galicia. As obras incluídas exploran temas de memoria, viaxe, desprazamento xeográfico e emocional. Estas exploracións visuais utilizan medios como a colaxe, vídeos, examinación de obxectos de arquivos que reflexionan sobre os nexos históricos de carácter cultural e familiar entre Cuba e Galicia.

SORTEO.

A Asociación de Comerciantes, Servicios e Autónomos de Ribadeo sortean unha viaxe a Cuba para dúas persoas, en forma de combinado pechado de 3 noites na cidade da Habana e 4 noites na cidade de Varadero.

Para participar haberá que comprar nos establecementos asociados sen importe mínimo, e con cada compra entregaranse unha ou varias rifas. Estas compras serán validas ata o 9 de xullo, día no que se instalará unha urna na praza de San Roque, fronte os Cocos; dende as 12.00 horas ata as 21.00 horas; onde se deberá depositar unha das partes da rifa numerada.