Skip to main content
Baleira

O BNG de Baleira denuncia o estado da área recreativa da Cortevella

Por 10 Xullo, 2023Sin comentarios

O Bloque Nacionalista Galego de Baleira denuncia o estado de conservación no que se atopa a área recreativa da Cortevella.

Así o fai saber Tino Díaz, voceiro do BNG, tras facerse eco das queixas da veciñanza: “O BNG de Baleira quere denunciar o estado absolutamente asilvestrado no que se atopa a área recreativa. Segundo  me aseguraron  os veciños e comprobando eu posteriormente, está chea de maleza, as árbores están caídas no río, os paseos totalmente abandonados e só con cinta de sinalización. Os aseos públicos, pola súa banda, tamén se atopan pechados e en total desuso. Todo isto supón un gran perigo, e dá pena ver neste estado de abandono unha área recreativa tan bonita”. Ademais, a desaparición do último banzado da área recreativa provoca unha corrente que vai ir destruíndo a beira do río pouco a pouco.

O nacionalista destaca non só o estado de abandono da área, senón tamén o corte do final do sendeiro da Marronda que “o concello levou a cabo para non ter que realizar a súa limpeza”. Díaz insiste en que “é lamentable como ten esta área o equipo de goberno. Este é un exemplo máis do estado de abandono no que se atopa este concello”. Por iso pide ao goberno local que leve a cabo os necesarios traballos de roza “para que nestas épocas de verán a veciñanza e visitantes poidan desfrutar desta área”.