Skip to main content
Cervantes

Licitadas as obras de restauración da cuberta da igrexa de Santa María de Vilabade

Por 8 Xullo, 2023Xullo 9th, 2023Sin comentarios

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades licitou a restauración da cuberta e outras melloras na Igrexa de Santa María de Vilabade, en Castroverde, co fin de emendar as patoloxías existentes, corrixir as condicións de humidade do templo e garantir a conservación das pinturas murais do interior.

As obras contan cun orzamento de 162.700 euros e o prazo para presentar ofertas remata o vindeiro día 19 de xullo.

A actuación pretende evitar filtracións de auga. Para elo, na cuberta incorporarase un illante térmico e renovarase o enlousado, colocando protección de zinc no campanario e noutras zonas. Nos paramentos substituiranse os morteiros de cemento por outros de cal, e tamén se renovará e saneará a drenaxe perimetral da igrexa.

Ademais, realizaranse traballos de conservación preventiva nas pinturas murais e intervencións puntuais nas carpinterías exteriores para gañar ventilación.

A igrexa de Santa María de Vilabade está protexida polo seu valor cultural. É un dos máis de 780 Bens de Interese Cultural (BIC) galegos e figura no Catálogo de Protección do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Castroverde. Así mesmo, está situada no Camiño Primitivo.

Na década dos anos 70 do século XX realizouse unha importante obra de reforma nas cubertas, na que se incorpora por riba das bóvedas uns forxados de formigón deixando un espazo baixocuberta entre ambos. Tamén nesa intervención se substitúen os revocos de cal por outros de morteiro de cemento que provocaron co paso do tempo importantes patoloxías no edificio.