Skip to main content
Cervantes

Cervantes acolleu unha xornada de interacción entre emprendedores da provincia

Por 18 Xullo, 2023Sin comentarios

O secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Pablo Fernández, participou nunha xornada de interacción entre persoas emprendedoras da provincia de Lugo, na que puxo en valor o papel da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego que a Xunta de Galicia está a despregar por toda Galicia, como elemento artellador do ecosistema empresarial da comunidade. No acto lembrou que o Goberno galego está a manter unha firme aposta polo emprendemento e ten na actualidade activas axudas por valor de 13 M€ para apoiar os investimentos nas novas iniciativas.

A Consellería de Promoción do Emprego abriu no último mes cadansúas liñas de apoio ao emprendemento no traballo autónomo, nas pequenas e medianas empresas e na economía social por unha suma de 13 M€, o que referenda o compromiso do Goberno galego “co apoio á consolidación de actividades económicas viables, que contribúan co seu esforzo á diversificación económica de Galicia, á creación de emprego de calidade, e á sustentabilidade e equilibrio territorial, tanto en termos económicos como sociais”, indicou o secretario xeral.

Nese catálogo de apoios, permanece activa, con prazo de solicitude ata o próximo 29 de setembro, unha primeira convocatoria para que empresas creadas a partires do 1 de xaneiro de 2021 poidan recibir financiamento para dar cobertura aos investimentos realizados entre o 5 de novembro de 2022 ata a data da solicitude. A Xunta de Galicia está a destinar 7 M€ a estas achegas que van de 3.000 euros para o mínimo investimento financiable (de 5.000 euros) ata os 30.000 euros para a máxima (100.000 euros) para financiar gastos en equipamento informático, melloras da eficiencia enerxética, adquisición de mobiliario, reforma e/ou habilitación de locais ou compra de equipos de segunda man, entre outros.

A segunda das liñas, Emprendemento Plus, destina 6 M€ para atender investimentos de entre 10.000 e 200.000 euros realizados por negocios con ata 42 meses de actividade, e con incentivos de 6.000 euros pola contratación de persoas desempregadas por parte das entidades beneficiarias. As achegas poden acadar os 90.000 euros.

“A Xunta mantén un compromiso claro co impulso das iniciativas de emprendemento, contribuíndo ao incremento da súa actividade económica e competitividade, e ao mantemento de empregos de calidade”, indicou o secretario xeral.

Rede de polos de emprendemento

Pablo Fernández referiuse ademais ao importante papel artellador que está a asumir a Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego posta en marcha hai un ano para prestar “asesoramento individualizado ás persoas emprendedoras de Galicia en calquera fase na que se atope o seu proxecto empresarial, de principio a fin”.

 

Ata o de agora están en funcionamento 8 polos e o Goberno galego quere implantar antes de que remate o ano outros 7 centros de referencia en distintas localizacións estratéxicas para dar cobertura a todos os concellos de Galicia.

“Os polos están a desenvolver un importante labor para dinamizar o mercado laboral e xerar traballo de calidade e pegado ao territorio”, dixo Fernández. Este recurso conecta ás persoas emprendedoras, ás administracións, aos axentes e técnicos que prestan servizos no ámbito do emprego, e aos sectores tractores e empresas do territorio.

Ademais de asesorar e acompañar ás persoas emprendedoras cos seus plans de empresas, nestes polos celébranse actividades de difusión da cultura emprendedora, como a de hoxe en Cervantes, nas que se fomentan o intercambio de ideas e coñecementos.

A data de hoxe, os 8 polos en activo están a prestar apoio a 380 persoas emprendedoras a través de máis de 1.000 sesións de titorización, e tamén estanse a atender máis de 400 proxectos, dos cales o 80,28% xa están activos.

Na provincia de Lugo, existen tres polos en total (o de Lugo Sur, o da Montaña lucense e A Mariña) que acompañaron desde a súa posta en marcha 100 proxectos empresariais de sectores como o primario, a industria manufactureira, a construción, o comercio, a hostalería, actividades sanitarias ou artísticas e de entretemento.