Skip to main content
Lugo

Chega unha nova xuíza a Lugo

Por 1 Xullo, 2023Sin comentarios

O presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), José María Gómez y Díaz-Castroverde, presidiu hoxe o acto de xura ou promesa de dez xuízas da 72ª Promoción da Carreira Xudicial nomeadas en funcións de substitución ou reforzo por acordo da Comisión Permanente do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) celebrada o 15 de xuño. Marta Guizán Roca, Lucía García Domínguez, Andrea Cernadas Lado, María Goretty Lamela Fernández e Rocío Prieto González desenvolverán as súas funcións na provincia da Coruña; Ana Fernández Rico, na de Lugo; Paula González Salgado, na de Ourense; e María Pena Fraiz, Estefanía Sestelo Martínez e Sara Vega Rodríguez, na de Pontevedra. O xuíz decano de Santiago de Compostela e coordinador da Escola Xudicial en Galicia, Andrés Lago Louro, exerceu como padriño. Ao acto, celebrado no TSXG, tamén asistiu a Sala de Goberno.

Durante a súa intervención, Díaz-Castroverde asegurou que son necesarias “amplas reformas na Xustiza”, tal e como concluíron esta semana os presidentes e presidentas dos Tribunais Superiores de Xustiza de España no seu encontro anual, no que avogaron por volver fundar o sistema. Con todo, indicou que iso non implica “que o actual modelo, e o noso labor, non sexan útiles á sociedade”, á vez que advertiu que non admite “catastrofismos” nin “esaxeracións” respecto á actual situación da Xustiza na comunidade. O presidente do alto tribunal galego destacou que se superaron os efectos da folga do persoal funcionario de 2018, así como os do confinamento e a pandemia. “Pido rigor e respecto para todos os xuíces e xuízas de Galicia, así como para o labor que desenvolvemos o presidente e a Sala de Goberno”, manifestou.

Ademais, recomendou ás xuízas que aproveiten “ao máximo” este período, que é o anterior á entrega de despachos, o xuramento e a toma de posesión, é dicir, “a antesala do exercicio pleno da xurisdición”. Díaz-Castroverde aconselloulles ser “prudentes” e poñerse sempre “no lugar de quen acode ao xulgado”, en especial das persoas máis vulnerables e vítimas de violencia de xénero.