Skip to main content
Lugo

Daniel Castro volve reclamar un xulgado específico de violencia de xénero

Por 6 Xullo, 2023Sin comentarios

Daniel Castro, número 1 do BNG ao Congreso por Lugo, insiste na creación dun xulgado específico de Violencia de Xénero para Lugo. Daniel Castro afirmou que “desde o BNG seguiremos a traballar para que Lugo conte con esta dependencia xudicial, unha necesidade que trasladamos en diferentes ocasións a todas as institucións nas que temos representación”, e engadiu “un grupo galego forte do BNG no Congreso permitirá dar maior peso ás necesidades de Lugo e de Galiza nos debates e nas decisións do congreso”.

O candidato do BNG afimou que “o BNG continuará a traballar para que Lugo conte con este xulgado “, e destacou que esta é “unha reclamación histórica non só do BNG senón do movemento feminista de Lugo”. O BNG propón un sistema comarcalizado deste servizo xudicial, no que se acollan todos os casos que se produzan en Lugo, facendo posíbel unha atención próxima ás vítimas e reducir a perturbación que o proceso xudicial implica, ademais de garantir a atención por profesionais cualificados na materia.

Castro reiterou a necesidade deste xulgado exclusivo para garantir unha atención integral ás vítimas as 24 horas e os 365 días do ano, lembrando que a posta en marcha deste xulgado está avalada tamén polos informes do Observatorio Estatal contra a Violencia de Xénero que, na súa memoria anual publicada no ano 2020 recolle recomendacións neste sentido.

Daniel Castro sinalou que o xulgado do penal que leva os casos de violencia de xénero non “conta con todo o persoal especializado e formado en violencia de xénero necesario, polo que as mulleres que denuncian non teñen garantida a atención psicolóxica nin o seu traslado a lugares de acollida fóra de Lugo durante as fins de semana”.