Skip to main content
Lugo

Xunta e Concello firman a cesión dos espazos públicos do polígono das Gándaras

Por 11 Xullo, 2023Sin comentarios

Trátase da terceira fase do mesmo, que xa ten caso o 65% das parcelas vendidas ou reservados, segundo indicou Xestur.

A Xunta de Galicia cedeu hoxe ao Concello de Lugo máis de 20.300 metros cadrados de espazos públicos localizados na terceira fase do parque empresarial das Gándaras, unha vez rematados os traballos de urbanización nesta zona por parte de Xestur.

A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e a rexedora municipal, Lara Méndez, formalizaron a cesión esta mañá coa sinatura ante notario das escrituras correspondentes a tres rúas, unha zona de reserva viaria e unha praza pública, cuxo elemento principal é a garita de vixilancia do antigo polvorín, unha construción histórica que foi trasladada pola Xunta con motivo das obras e reconstruída na súa localización actual.

Todos estes espazos pertencen á fase III de desenvolvemento do polígono lucense, na que preto do 65% das 25 parcelas dispoñibles xa están vendidas ou reservadas, tal e como subliñou a vicepresidenta segunda. De feito, indicou que a semana pasada o consello de administración de Xestur acordou adxudicar 4 parcelas a 3 empresas por un prezo de venda total de 234.900 euros, descontada xa a bonificación do 50% que aplica a Xunta neste parque.
En concreto, as empresas adxudicatarias destinarán estes terreos a almacenamento de maquinaria e materiais relacionados co sector da construción; a transporte e distribución de gasóleo; e a un taller para a transformación de pedra, mármores e derivados e almacén de granitos, cuarzos e porcelánicos —2 parcelas neste caso—.

Deste xeito e tras as últimas adxudicacións realizadas por Xestur, Vázquez Mejuto explicou que das 25 parcelas existentes na terceira fase das Gándaras tan só quedan 9 dispoñibles, uns datos que, indicou, demostran o “atractivo e interese” que segue espertando esta área industrial pola súa “localización privilexiada” e a función que exerce como “polo económico” para a provincia e o conxunto da Comunidade.

Neste sentido, a vicepresidenta segunda reiterou o compromiso do Goberno galego con esta área empresarial e o seu crecemento, a través tanto das bonificacións aplicadas no prezo de venda das parcelas dispoñibles como da súa aposta por continuar habilitando máis solo industrial urbanizado e con todos os servizos nesta zona.

Tras indicar que a Xunta segue traballando nas futuras ampliacións das Gándaras, Ángeles Vázquez avanzou que este mesmo ano o seu departamento ten previsto licitar as obras de urbanización correspondentes ás fases IV, V e VII-a, que suman case 220.000 metros cadrados e garantirán a continuidade deste parque, permitindo o asentamento de novas empresas en Lugo.

A rexedora lucense puxo en valor “a importancia de continuar apostando polo desenvolvemento dos polígonos como ferramenta fundamental que posibilitará a implantación e consolidación empresarial e, polo tanto, o noso crecemento. E eu, como alcaldesa, non quero que Lugo perda este tipo de oportunidades, especialmente cando dende a Administración local estamos a impulsar a captación de investimentos a través da Estratexia Lugo Transforma, para que novos negocios e compañías se asenten na capital e poidan crear emprego estable e de calidade para os nosos veciños e veciñas”, engadiu.