Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXALugo

César Mogo, senador do PSOE: “En épocas de dificultades, pódense facer políticas que beneficien á maioría”

Por 2 Xullo, 2023Xullo 3rd, 2023Sin comentarios

O valadourense César Mogo é candidato ao Senado polo PSdeG-PSOE por Lugo. É licenciado en Ciencias Políticas e Socioloxía e foi director Xeneral de Asuntos Institucionais da Presidencia do Goberno, así como Director do Gabinete do Ministro da Presidencia e da Secretaria de Estado de Función Pública, e tamén ocupou o cargo de Director do Gabinete da Secretaria de Estado de Inmigración e Emigración.

Que obxectivos ten o partido?

Consumar desde Lugo a maioría do goberno do Partido Socialista. Estamos nunha elección moi competitiva porque se produciu o reagrupamento da dereita pola desaparición de Ciudadanos, nós consideramos que estamos fortes, pero queremos sumar o maior número de deputados e senadores para gañar o goberno da nación, que é o que toca se non queremos levar un retroceso social en todas as ordes durante a seguinte lexislatura. Sumar para a maioría de Pedro Sánchez.

Que expectativas hai?

Hai convencemento. As enquisas marcan ás veces realidades que non se teñen que cumprir porque non deixan de ser exploracións, e o cidadán decide máis durante a campaña e os últimos dias antes das eleccións.

Na miña experiencia política, para min non é unha situación difícil, porque se lle pode dar a volta e vai ser así, porque hai unha maioría social que non se reactivou. Ademais, o perigo e o risco que supón a dereita e os desordes políticos e sociais que pode traer… Eu creo que é posible gañar as vindeiras eleccións e formar gobernos.

Cales son as liñas programáticas principais?

“Síntome moi orgulloso de ser da Mariña, pero síntome tamén moi lucense, xa que estiven na zona sur tamén. Coñezo a provincia como a palma da man”

“As grandes obras de infraestruturas sempre viñeron da man do PSOE e eu sempre pido que os do PP me digan unha gran obra deles e nunca din ningunha”

O programa vaise presentar proximamente, pero hai un elemento fundamental do partido socialista: En España, en Galicia e en Lugo acabouse coa tendencia conservadora de que as crises e os problemas sempre os pagan a maioría da xente porque non é posible facer políticas e repartir o diñeiro nunha crisis. Nós, nunha pandemia e guerra, cos efectos que tivo en toda Europa, a política de Pedro Sánchez é un faro para Europa, xa que subiu o salario mínimo, baixou o paro e subiu as pensións. En épocas de dificultades pódense facer políticas que beneficien á maioría este é o eixo programático do PSOE, sabendo que superamos un límite no que pensabamos que as crises afectaban a maioría da poboación, e seguiremos traballando nesta liña.

O tema das pensións é un eixo principal?

As pensións xa non serán un eixo na medida na que xa é unha conquista. Poñía de exemplo as pensións porque se fixo unha gran reforma e cun calado que é máis importante do que se percibe e que se basea en dúas cousas: faise xustiza social, subíndolle o que sobe o custo da vida e que non sufran as consecuencias da guerra en Europa, e faise unha reforma do sistema que permite que poida manterse 30 ou 40 anos.

Estamos traballando hoxe, pero para as pensionistas de mañá, garantindo a viabilidade no futuro. A xente pensaba que non ía ter pensións no futuro, pero é unha incerteza superada. Aumentáronse os ingresos e é unha proba superada.

Eu dígoo con toda a modestia, eu son o único senador de Lugo que votou a favor de que os pensionistas cobrasen máis, unha reforma xusta que beneficie á xente.

O que quero incidir é que o programa estase terminando de elaborar e consultar, pero o eixo de tomar medidas no emprego, nas pensións, na dependencia… serán fundamentais no programa, e seguiremos gobernando ben a economía, que é a que menos taxa de inflación ten en Europa. Un gran eixo de programa vai ser o bo goberno da economía que levamos a cabo, está ben gobernada e faise en beneficio da maioría.

Cales son as necesidades máis relevantes agora mesmo da provincia de Lugo?

Teño que dicir unha cousa do Viaduto do Castro con claridade: nós apostamos sempre pola seguridade. E desde o primeiro momento o PP quería que se reconstruíra inmediatamente. Agora parece que hai un informe que vai permitir darlle un impulso á obra para que se fagan os dous tramos ao mesmo tempo. Pero nós sempre primeiro garantindo a seguridade dos traballadores que o teñen que facer. Gustaríame que o PP tivera o mesmo celo cunha estrada como é a de Folgoso do Courel, que é unha chapuza lendaria que non se vai poder cruzar ata dentro dun ano ou dous anos.

Pero iso foi un accidente da infraestrutura que haberá que terminar e temos un técnico para saber a orixe e que se vai reconstruír coa máxima celeridade e está previsto que unha das vías se poña en funcionamento. Pero as infraestruturas de estradas hai que traballar máis ben en algunhas redes viarias que quedan sen explotar. A A-74 da Mariña é unha necesidade, rematar a A-54 a Santiago e avanzar nas obras da A-56 Lugo-Ourense.

Entón, as grandes obras de infraestruturas sempre viñeron da man do PSOE e eu sempre pido que os do PP me digan unha gran obra deles e nunca din ningunha. Nós queremos que se estendan as grandes infraestruturas durante os vindeiros catro anos, tal e como se fixo nesta lexislatura, que se investiron máis de 500 millóns de euros no tren Lugo-Ourense. E falando do tren, hai que traballar xa por mellorar os servizos ferroviarios, unha estase facendo a Ourense e outra á Coruña, ese é o gran reto da provincia: as infraestruturas.

A nivel industria, as infraestruturas tamén son importantes.

A pesar de que as competencias en Industria son da Xunta de Galicia, a política industrial da Xunta non existe. O cabeza de lista que vai ao Congreso dos Deputados da Xunta deixou detrás un deserto industrial, desapareceron. Voulle falar de moitas industrias que desapareceron de forma silenciosa sen que a Xunta fixera ningunha acción, igual que se salvou Alcoa, tamén podían ter iniciativa para traer industria, que se necesita. Ter capacidade de atracción de inversión forma parte das nosas prioridades.

A parte da industrialización, que cremos que é imprescindible debido ao abandono do PP, e das infraestruturas, temos que dotar de moito máis servizos ao medio rural, como por exemplo completar a rede de 5G da provincia.

Que lle aporta á provincia ter un senador en Madrid?

Primeiro, porque na elaboración das leis o Senado ten o mesmo papel que o Congreso, con menos difusión pública, pero a mesma. Cada lei que afecta aos lucenses pasou polo Senado igual que pasou polo Congreso, entón temos o mesmo papel. Se non se aproban as cousas no Senado, prodúcese unha situación de estancamento.

Ademais do labor lexislativo, faise un labor de goberno e hai unha marxe de iniciativas lexislativas importantes, aínda que sexan caladas. Logo plasmáronse en presupostos, como pedir apoio para reformar o tren que pasa pola Mariña, que se plasmou nos presupostos. Así, hai un labor compartido co Congreso, pero tamén hai espazo de sosego e menos intensidade para levar ao goberno intereses da provincia.

No Senado temos que ser autocríticos, por outra banda, porque había que darlle un compoñente máis territorial e que as comunidades puideran expoñer as súas necesidades e incluso criticar o noso traballo. Habería que facer unha reforma para potenciar a representación no Senado os intereses concretos de Galicia, pero o PP non quere reformar a Constitución nese aspecto.

Por todo iso, o labor do senador é parecida ao do deputado, pero ten posibilidade de representación de territorio que no Congreso non se dá moitas veces. 

De que logros se sente máis orgulloso?

Nestes catro anos traballando síntome satisfeito sobre todo con respecto ás pensións, tema no que eu dei o meu apoio persoal e é moi emocionante ver como a reforma laboral está levando a moitos rapaces a obter contratos, iso no carácter xeral.

E logo, participar nos debates galegos nos que participei. Anecdoticamente, no Senado pódese participar en galego nalgunha moción e nas iniciativas e a min cábeme satisfacción por levar o galego ao Senado e sempre que puiden facelo, fíxeno.

E fun o único que o fixo nesta lexislatura, o que me fai sentir orgulloso da miña fala por levala ao Senado.

Pode valorar a situación política?

En España vívese un momento con gran intoxicación por parte da dereita. Os que levamos anos en política, sabemos que sempre é así. Hai unha tendencia á dereita a descualificar persoalmente aos presidentes do Goberno socialistas e nós respetamos moito máis. Pasou con Felipe, Zapatero e con Pedro.

O que non pode evitar a dereita é que o seu proxecto por unirse e por ser indistinguible á extrema dereita. A extrema dereita e a dereita forman hoxe un todo moi preocupante porque significa en termos sociais e económicas, retroceso. Iso é o que nos estamos xogando.

Neste catro anos demostramos, con erros e con acertos, que podemos facer políticas progresistas, avanzadas e que melloren a vida da xente ao mesmo tempo que se pode ter coherencia de gobernar economicamente ben. O que non vexo, detrás destes ataques persoais, é un proxecto da dereita, só vexo unha derrogación permanente. Por tanto, o noso gran reto é que o ruído non supere á claridade e o que quedou claro nesta lexislatura é que Feijóo acepta medidas da extrema dereita. O que estamos vivindo estes días no país é darse conta de que se gaña o PP as eleccións levaranse a cabo grandes retrocesos no país. O señor Feijóo só di en televisión retrocesos, non hai avances. O tema é: avance ou retroceso.

En que partes da Mariña estivo?

Estiven en todo o territorio. Os meus conselleiros principais son os alcaldes e alcaldesas, son os meus ollos. O parlamentario sabe o problema pero alguén indícache onde están e di a complexidade do problema. Síntome moi orgulloso de ser da Mariña, pero síntome tamén moi lucense, xa que estiven na zona sur tamén. Coñezo a provincia como a palma da man. Teño na cabeza a provincia enteira e o desfruto ademais porque traballar pola provincia é unha honra.

Por que hai que votar ao PSOE?

Con todos os respectos a todas as forzas, nestas eleccións o cidadán ten que darse conta de que as eleccións xerais son unha elección onde se ten que escoller entre Sánchez e Feijóo. É lexítimo votar a outras forzas, pero non vai sumar. Creo que hai un dobre reto, primeiro que haxa a maior participación posible nestas eleccións e, segundo, que as forzas progresistas sumen máis que as de dereitas.

O PSOE está en condicións de sumar unha maioría. O cidadán ten que analizar este dilema a quen debe votar para obter esa maioría.