Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXALugo

Besteiro asegura que Feijóo “leva 14 anos xogando coa saúde dos lucenses”

Por 18 Xullo, 2023Sin comentarios

Lamentou os preto de 1.100 postos de traballo menos en Atención Primaria en Galicia, peche dos centros de saúde de Castro, Parga e Castro de Rei e agora tamén Nadela, que leva sen abrir todo o mes de xullo e ninguén coñece a data da reapertura, entre outras cuestións como o peche este verán de 144 camas de hospital na provincia: 68 no HULA, 38 no Hospital de Monforte e outras 38 no Hospital de Burela.

“Se non chega a ser pola presión da cidadanía e dos socialistas, con esas mobilizacións históricas nas rúas, Lugo continuaría sen o Servizo de Hemodinámica as 24 horas, Radioloxía e Medicina Nuclear no HULA. Porque para o PP e Feijóo os lucenses somos cidadáns de segunda, levan 14 anos xogando coa nosa saúde”. Así o denunciou o cabeza de lista do PSdeG-PSOE en Lugo polo Congreso, José Ramón Gómez Besteiro, diante do PAC de Fingoi na capital lucense, xunto a compañeiros socialistas que traballan no ámbito sanitario.

Besteiro advertiu que antes Feijóo e agora Rueda recortaron preto de 1.100 postos de persoal sanitario só en Atención Primaria en Galicia, pechando os centros de saúde de Castro, Parga e Castro de Rei, e agora tamén Nadela que leva todo xullo sen abrir as súas portas e ninguén sabe que vai pasar no futuro.

A dereita tamén deixou sen convocar 151 prazas MIR de médicos de familia, recortou 900 camas hospitalarias e precarizou as condicións laborais dos profesionais… “Ese é o balance do candidato do PP, cerrar sistematicamente a sanidade pública”, sinalou.

O candidato socialista censurou que a política sanitaria do PP sexa a de “recortar medios, privatizar e precarizar os servizos”, pese “ao esforzo investidor do Goberno de Pedro Sánchez para reforzar a atención primaria e a asistencia sanitaria “con 37,8 millóns de euros extras para Galicia”. Así, denunciou as “listas de espera desmesuradas que están a afectar a tantos lucenses e degradación dos servizos nos hospitais e PACs como o de Fingoi, no que chegan a atender en só unha xornada ata 200 pacientes”.

Gómez Besteiro denunciou que “este é o modelo que Feijóo pretende levar a toda España. Un modelo que en Lugo o coñecemos moi ben e que levamos sufrido durante 14 anos. Unha situación de maltrato constante, con decisións arbitrarias e irresponsables como o peche este verán de 144 camas de hospital na provincia: 68 no HULA, 38 no Hospital de Monforte e outras 38 no Hospital de Burela”.

Neste senso, precisou que “o Goberno de Pedro Sánchez é o que está a protexer a sanidade, facendo un esforzo sen precedentes”, precisando o importante impacto na provincia; “A modernización e dotación de equipos de alta tecnoloxía sanitaria, que en Lugo deixou 5,3 millóns e permitiu adquirir para o HULA equipos de radioterapia de precisión e varios TACs para os de Monforte e Burela; ou o reforzo de enfermeiras, fisioterapeutas e nutricionistas na atención primaria do rural, fundamental para unha provincia como a de Lugo”.

SÁNCHEZ IMPULSARÁ O PLAN DE SAÚDE MENTAL

O cabeza de lista ao Congreso avanzou que se Pedro Sánchez segue liderando este país unha das primeiras leis que aprobará será reducir os tempos de espera na sanidade pública e impulsará o Plan de saúde mental con 100 millóns. Tamén confirmou que os socialistas seguirán apoiando todas as mobilizacións dos profesionais sanitarios “porque é de xustiza e nos vai a vida niso”.