Skip to main content
Monforte

Besteiro mantivo un encontro co tecido empresarial de Monforte xunto ao alcalde

Por 14 Xullo, 2023Xullo 15th, 2023Sin comentarios

O cabeza de lista do PSdeG-PSOE ao Congreso por Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, achegouse ata Monforte para manter encontro co tecido empresarial monfortino xunto co alcalde, José Tomé, a número 2 ao Congreso, Patricia Otero, e polo candidato ó Senado César Mogo; no que Besteiro subliñou que a capital da Ribeira Sacra, “volve a medrar como se merece”, grazas “ás políticas socialistas dos gobernos do Estado e do Concello”.

Así, defende que “con Pedro Sánchez e José Tomé, Monforte converteuse no modelo de desenvolvemento da Galicia interior” e que “Monforte está vivindo un enorme auxe industrial, en infraestururas e turístico, e medra como se merece, grazas ás políticas dos Gobernos socialistas do Estado e do Concello”, asegurou Besteiro.

Como exemplos, Gómez Besteiro puxo a ampliación do polígono industrial do Reboredo a máis do dobre da súa extensión tras esgotarse as parcelas, a creación do centro de ciberseguridade de Renfe, pioneiro en Europa, ou a implantación de firmas punteiras como Kern Pharma.

“Este é o resultado dunha xestión que fai de Monforte un referente en crecemento e dinamismo que crea emprego e contribúe de maneira moi importante a asentar poboación. E, fronte a isto, a nula política industrial da Xunta, que ten os cartos e as competencias, pero non fai nada”.

Visitas a distintas instalacións

O parque empresarial foi a primeira parada dos socialistas, onde coñeceron a actividade e instalacións de Fenestra, empresa relacionada coa industria do aluminio, que se encontra en pleno crecemento, con novos investimentos previstos e a creación de máis empregos.

Tamén visitaron a láctea Oviganic Ibérica (antiga Danone), tamén en fase de expansión cun investimento de case 20M€, e Ramiro Vila e Hijos, firma de mecanizados de fabricación de maquinaria e componentes industriais destinados á exportación nacional e internacional.

Pola súa parte, o polígono mellorou con apoio e xestións, e fíxose posible que, logo de moitos anos totalmente estancado, se esgotasen as parcelas neste pasado mandato e na actualidade estea preparando a súa ampliación a máis do doble da súa extensión para atender á demanda existente. Para elo, o Concello xa conta coa autorización da sociedade pública que o xestiona, Suelo Emprarial do Atlántico (SEA), dependente do Ministerio de Transportes, para dispoñer de 275.000 metros cadrados, aos que se sumarán 111.000 cedidos pola Deputación de Lugo.

Tras a visita ao polígono, os candidatos ao Congreso e ao Senado e o alcalde manterán un xantar de traballo cunha trintena de directivos e representantes do tecido empresarial de Monforte relacionado coa industria, o comercio, a hostalería e o mundo do viño, e tamén coñecerán diferentes establecementos integrados no Centro Comercial Urbano.

Obxectivo Ribeira Sacra, Patrimonio da Humanidade

Así mesmo, o socialista Besteiro puxo en valor o tirón que experimenta o turismo en Monforte e toda a Ribeira Sacra, un sector que respalda o Goberno do Estado co Plan de Sostibilidade Turística da comarca, ao que dotou con 2 millóns de euros para sacar adiante iniciativas que dinamicen a actividade e deixen valor no territorio en termos económicos e de emprego.

Neste sentido, lembrou a necesidade de reforzar a aposta pola declaración daRibeira Sacra como Patrimonio da Humanidade, un obxectivo “no que os socialistas, unha vez máis, fomos pioneiros e alá polo 2011 abrimos camiño e impulsamos, ata que o PP o botou a perder por non contar co resto de administracións e por falta de rigor”.