Skip to main content
Monforte

As asociacións culturais de Monforte xa poden solicitar as axudas para subvencionar a súa actividade

Por 18 Xullo, 2023Agosto 28th, 2023Sin comentarios

O pasado 5 de xullo o Concello de Monforte anunciou que ía destinar 12.000 euros para subvencionar as actividades desenvoltas no ano 2023 das asociacións culturais, lúdicas, recreativas ou formativas, sen ánimo de lucro e inscritas no Rexistro Municipal e, tras saír estas publicadas o pasado venres 14 de xullo no Boletín Oficial da Provincia de Lugo, ditas asociacións xa poden proceder a solicitalas ata o vindeiro 7 agosto e, concedidas, o prazo para xustificalas será ata o 7 de decembro de 2023.

José Tomé Roca destaca que “o que pretendemos, con esta liña de axudas, é seguir apoiando a labor das nosas asociacións, e por iso, decidimos manter o mesmo importe que destinamos no pasado ano 2022 para este tipo de axudas, 12.000 euros, a fin de apoiar actividades que son imprescindibles para o desenvolvemento cultural da nosa cidade, como son charlas, coloquios, conferencias, publicacións, concertos, eventos, etc.”.

Así, cada asociación que pida esta subvención e cumpra os requisitos, poderá recibir un máximo de 1.000 euros, e non poderá superar o 70% do investimento subvencionable por cada anualidade.

Conseguir as axudas

Para poder optar a este tipo de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, as asociacións deben cumprir unha serie de requisitos, ademais de figurar legalmente constituídas no rexistro de asociacións do Concello (ter domicilio social, sede ou representación en Monforte) e desenvolver actividades de interese xeral para o municipio, xa sexan de carácter cultural, veciñal, popular, profesional, lúdico ou recreativo.

Non serán subvencionables os gastos de reforma e acondicionamento de locais, vestiario, actividades con ánimo de lucro ou calquera outro gasto non relacionado co proxecto presentado. Así mesmo, quedan excluídas desta convocatoria as axudas a festas patronais, comidas e eventos relixiosos.

O alcalde salienta que “con estas axudas dende o equipo de Goberno do Concello apoiamos ás iniciativas, actuacións e programas que contribúen á dinamización da vida cultural de Monforte, actividades que complementan os programas dos servizos culturais municipais e que se dirixen á comunidade en xeral. E facémolo especialmente nun momento no que as administracións debemos apoiar á cultura, porque é parte esencial da nosa sociedade.”