Skip to main content
Quiroga

O segundo encontro en torno ao viño organizado pola Asociación Quiroga en Marcha terá lugar o vindeiro fin de semana

Por 15 Xullo, 2023Xullo 16th, 2023Sin comentarios

A Asociación Quiroga en Marcha organiza o segundo encontro en torno ao viño os vindeiros 28 e 29 de xullo, unha iniciativa na que as corenta persoas participantes poderán desfrutar dunha comida, a visita a unha bodega e o transporte en bus por un importe  de 40 euros.

Así, o venres, 28 de xullo, a xornada comezará ás 20.00 horas na Casa da Cultura de Quiroga, onde terá lugar a mesa redonda da que participarán Manuel Gómez Guntiñan, que falará da evolución do sector vinícola; Javier Vázquez, Víctor Aira e Iago Lameiro, que falarán sobre o seu proxecto; e Luis Urteaga, que falará da despoboación e o cambio territorial na comarca de Quiroga.

Pola súa parte, o sábado, 29 de xullo, haberá dous grupos con actividades diferentes. O grupo A visitará os viñedos e a bodega Val de Quiroga a partir das 11.00 horas, pararán ás 14.00 horas para comer e ás 17.00 horas visitarán os viñedos e a bodega Atrium Vitis.

No caso do Grupo B, o día comezará ás 11.00 horas coa visita aos viñedos e á bodega Alvaredos-Hobbs, así como a visita ao túnel romano de Montefurado. Despois, ás 14.00 horas, será a comida grupal e ás 17.00 horas as persoas participantes visitarán os viñedos e a bodega Casa de Outeiro.