Skip to main content
Cultura SARRIAXASamos

Cortiñas, da Casa de Aira Padrón: “A xente que vén tamén desfruta desta contorna”

Por 16 Xullo, 2023Xullo 17th, 2023Sin comentarios

Falamos con José Luís Fernández Cortiñas, propietario da Casa de Aira Padrón, situada en Samos.

Que comidas ofrecen?

Ofrecemos menú e carta, antes máis menú e agora máis carta. Na carta os comensais poden atopar pescados e carnes.  En canto aos pescados, temos troitas, calamares, bacallau, dourada, robaliza…

E de carne, que é o noso forte, ofrecemos carne de Tenreira Galega Suprema, cordeiro, porco, cabrito… A nosa especialidade é o cordeiro ou o cabrito asado en forno de leña. Ademais, temos grella de churrasco, chuletóns…

Despois, temos unha horta e un invernadoiro ecolóxico, polo que son moi famosas as nosas ensaladas con leituga e tomate da casa, así como as nosas patacas. Por último, tamén ofrecemos xamón, chourizo e demais embutido caseiro.

En canto ás sobremesas, facemos todo de forma caseira e os máis demandados son a tarta de castaña e a de queixo, xa sexa ao forno ou fría. Ademais, tamén facemos tarta da avoa e flan de ovo.

Que tipo de servizos ofrecen ás persoas interesadas en ir?

Nós non ofrecemos a posibilidade de encargar comida para recoller e levar á casa, pero si facemos reservas para persoas ou grupos.

Temos un comedor dentro, dúas terrazas que abrimos no verán e un local privado no que caben unhas 25 persoas e que ten de especial que é como eran antes os comedores, coa cociña do medio dos comensais. Aí, sobre todo, organizamos comidas de caza nas que se cociña no medio o que os cazadores colleron.

Pero tamén é moi típico no inverno, na época dos cocidos, que nos reserven grupos e coman neste local privado ao redor da cociña.

Tamén organizamos vodas e bautizos de ata 80 persoas, normalmente temos uns 8 ou 9 bautizos ao ano. Así, en verán podemos chegar ás 100 persoas os fins de semana.

Como é a contorna onde está localizado?

A contorna é bonita, estamos a 1.100 metros de altura, polo que se ve Lugo, Sarria, Monforte, o val da Lóuzara, O Courel, a Devesa da Rogueira, o bosque máis importante de Galicia en canto á flora con variedade de plantas e arbustos.

A xente que vén tamén desfruta desta contorna, na que está preto o río Lóuzara no que, ademais, nesta etapa comeza a tempada de pesca, polo que se achega máis xente.

Cabe destacar que no outono a caída da folla fai que se converta nun lugar tranquilo e fermoso do que desfrutar, xa que tamén vén acompañado da tempada das castañas, que a nós gústanos porque facemos tarta.

Tamén en inverno é moi bonito cando cae a neve, e no verán tamén, todas as etapas estivais neste lugar teñen o seu encanto, tanto arriba de todo como despois baixando cara ao nivel do mar, onde se pode atopar moitísima vexetación frondosa de carballos e outras árbores típicas galegas.

Cales son os horarios e días que se traballa?

Pechamos os martes e só damos cenas os venres e sábados.  No verán damos máis, desde o mércores, pero agora no inverno hai pouca xente pola noite.

Cantas persoas traballan en Aira Padrón?

Depende da tempada. Unha media de cinco, pero os fins de semana temos extras, entre 2 e 3, e cando hai eventos collemos máis persoas.

Que beneficios aporta para as persoas que se achegan esta localización?

Creo que van comer unha comida de boa calidade, ecolóxica e caseira e van atopar un bo trato, unha atención personalizada e un prezo acorde coa calidade do produto.

O churrasco só é de Tenreira Galega Suprema, polo que custa máis que un churrasco que veña de Salamanca, por exemplo.

Teñen algún proxecto de cara ao futuro?

De momento estamos contentos e queremos manter a asistencia da xente que vén e a ver se se pode mellorar para que veña máis. Só facemos publicidade nalgún xornal e realmente o que máis nos funciona é o boca a boca.

Por outra parte, esperamos que o Concello nos faga unha ruta polo Val do Lóuzara, ou algún miradoiro que podía haber por aquí, é o que pretendíamos, pero non é cousa nosa.

Pode contarnos algunha anécdota? 

Á Casa Aira Padrón viñeron varias personalidades importantes da nosa sociedade, como no seu día Fraga, que comeu tortilla e xamón, e Cacharro Pardo. Pero tamén recentemente veu Feijóo, Yolanda Díaz, Besteiro e Raquel Arias.

Todos eles déronnos mostras de que quedaron contentos coa calidade da comida e co trato que recibiron, xa que é un sitio tranquilo no que se pode comer de maneira privada e con produtos variados de calidade.

Tamén tedes servizo dormitorio, como funciona?

Traballamos menos o servizo de aloxamento que o de restaurante, xa que só temos tres habitacións e ás veces quédanse empregados.  Teñen cama de matrimonio e están habilitadas con todos os servizos de baño propio, televisión, wifi… Pero non adoitamos ter moitas persoas no inverno, si que en verán aumenta e temos algunha parella que se queda algún día.