Skip to main content
Begonte

O Cercud de Baamonde acolle numerosos campamentos no verán

Por 17 Xullo, 2023Sin comentarios

O Cercud de Baamonde volve acoller este ano, igual que nos anteriores, varios grupos de máis de 100 persoas na súa zona de campamento. “Esta continua presenza de grupos numerosos evidencia o atractivo da zona e a capacidade da asociación para organizar eventos exitosos”, din desde a dirección da entidade.

O GS Stoas da Coruña estivo presente no campamento os primeiros 10 días de xullo, sendo esta a súa segunda vez de participación. No ano 2014, realizaron un campamento conxunto con outro grupo de Sevilla, “o que demostra a continuidade da súa colaboración co Cercud”, engaden.

Así mesmo, durante a segunda quincena de xullo estará o GS Planeta 654 de Madrid, con 130 integrantes, “achegando aínda máis dinamismo e enriquecendo a experiencia de todos os participantes”. Ademais, na primeira quincena de agosto, espérase a chegada do GS Seeonee 576 de Toledo, con preto dun centenar de membros.

“A elección da devandita área como lugar de reunión e aloxamento por parte destes grupos xera unha importante actividade económica que beneficia directamente á comunidade circundante. A chegada destes grupos non só implica o desprazamento dos seus integrantes, senón tamén dos seus familiares e amigos que aproveitan a oportunidade para visitar a Terra Chá, A Mariña e outras zoas de Galicia”, din.

A afluenza de visitantes dinamiza o sector turístico local, xerando un aumento significativo na demanda de servizos como alimentación, aloxamento, transporte e entretemento. Os supermercados, panaderías, restaurantes, cafeterías, hostais ou vivendas de uso turístico vense beneficiados ao atender as necesidades destes visitantes.

“Estas visitas e colaboracións de diversos grupos scouts reforzan aínda máis o impacto económico e social do campamento do Cercud, xerando intercambios culturais, promovendo o turismo interno e fortalecendo os lazos entre diferentes comunidades scouts de diferentes rexións de España. En definitiva, o Cercud consolídase como un punto de encontro e referencia para a comunidade scout a nivel nacional”, conclúen.