Skip to main content
Outeiro de Rei LUGOXAOuteiro de Rei TERRACHÁXA

Conde propón en Outeiro de Rei extender a gratuidade das escolas infantís en España

Por 15 Xullo, 2023Sin comentarios

O cabeza de lista do PP ao Congreso pola provincia de Lugo, Francisco Conde, asegurou que “o Partido Popular da man de Alberto Núñez Feijóo quere levar o modelo galego da gratuidade da educación de 0 a 3 anos a toda España”. Durante unha visita á escola infantil de Outeiro de Rei, acompañado pola conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, e o alcalde, José Pardo Lombao, tamén explicou que, “cando as administracións escoitan e atenden as necesidades das familias, a sociedade mellora, evoluciona e vive mellor”.

“Galicia ten demostrado que a natalidade, a conciliación laboral e persoal, e un sistema educativo de calidade son tres dos piares fundamentais do Estado de Benestar”, sinalou. E remarcou que “Galicia foi pioneira cun goberno do Partido Popular da man de Feijóo e que agora ten continuidade co presidente Rueda”.

Para os populares, “ter fillos non pode ser un luxo”, e para iso comprométense a fomentar a natalidade, protexer a maternidade e apoiar a conciliación; ademais de promover a universalización da educación de 0 a 3 anos en toda España. 
“A educación universal e gratuíta na primeira fase da vida contribúe á loita contra as desigualdades”, apuntou.

O programa electoral do PP tamén recolle a necesidade de dotar de novas prazas financiadas con fondos públicos e intensificar os programas para o uso dos centros educativos más alá do horario escolar.

EDUCACIÓN: ASCENSOR SOCIAL E MOTOR PARA O CRECEMENTO

Conde defendeu que a educación é “o mellor ascensor social e o principal motor para o crecemento dun país”. “Sempre defenderemos un sistema educativo estable que garanta a formación dos mozos e mozas en continua adaptación á realidade do mercado laboral”, engadiu.

O Partido Popular márcase como obxectivos para esta etapa reducir a taxa de abandono escolar temperá, potenciar a Formación Profesional, con especial atención á FP Dual. e garantir un verdadeiro sistema nacional de becas e axudas ao estudo.